Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva pide xuntar votos “de país” no BNG para que o Morrazo teña axenda propia no Congreso

Acto Moaña
Acto Moaña

A cabeza de lista destacou no mitin de Moaña que é o momento de apostar por Galiza “e pelexar polo noso”

Destacou temas vitais para a comarca que chegar a Madrid como o saneamento da ría, a pesca, ou a AP-9

A cabeza de lista do BNG en Pontevedra, Carme da Silva, acompañada da alcaldesa de Moaña Leticia Santos, e das tamén candidatas ao Senado e o Congreso Jessica Souto e Iria Villar, arrancou o mitin de hoxe en Moaña instando á veciñanza do Morrazo a xuntar os votos “de país” e confiar no BNG para dar voz propia a esta comarca no Congreso tras o 10N “e defender os seus intereses como sempre o fixemos fronte ás forzas estatais que se alternan na discriminación a Galiza”.

Da Silva insistiu en que Galiza debe saír da irrelevancia política á que a condenan os partidos centralistas “e pelexar polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, e incluso cántabros. Lembrou PP e PSOE demostraron gobernar igual con respecto a Galiza, engandindo que Podemos pactou con Sánchez os peores orzamentos do Estado para o país en vinte anos: “Non só deciden por nós. Deciden contra nós”, enfatizou.

Un BNG “determinante en Madrid”, destacou a nacionalista, terá capacidade para poñer os problemas do Morrazo na axenda do Estado ao non preverse un escenario de maiorías absolutas.  Reivindicou a necesidade dunha axenda propia para a comarca en Madrid na que se inclúan os temas vitais para o desenvolvemento económico e a creación de emprego e riqueza na zona, tales como o saneamento da ría, a gratuidade da peaxe da AP-9, e a mellora das cotas de pesca e un tratamento específico para a pesca artesanal, entre outras cuestións.

A cabeza de lista puxo un exemplo claro do que significa a presenza do BNG nas Cortes, e lembrou o proxecto de recuperación ambiental do areal da Xunqueira, coa retirada do campo de fútbol e a protección das dunas levada adiante cando había deputados e deputadas do BNG en Madrid. Pola contra, destacou que a iniciativa de recuperar a enseada de Meira está nun caixón e sen avances a pesares de estar aprobada. “Paralizouse porque o BNG non estivo no Congreso, porque os 23 deputados e deputadas que na última lexislatura foron elixidos por circunscricións galegas non quixeron defender unha das prioridades do país”, dixo. 

Da Silva subliñou que o BNG está a traballar con moita ilusión, confianza e esperanza cara as xerais do 10N: ilusión porque nas eleccións pasadas faltou un puñado de votos e dende aquela cada vez xorden máis apoios cara o BNG; confianza porque a sociedade galega ten capacidade para sacar os seus proxectos adiante cando lle deixan; e esperanza porque “non nos poden roubar o futuro”. “É preciso adoptar decisións que teñen que ver con todo o que precisa a sociedade, pero facéndoo desde a realidade galega e non dende a visión de Madrid”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG