Xerais 2019

Carme da Silva: “Galiza ten a oportunidade de ser determinante na política estatal apostando polo BNG”

Pegada Pontevedra
Pegada Pontevedra

A cabeza de lista por Pontevedra asegura que a forza nacionalista está “en remontada clara” 

A cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, instou hoxe a pontevedresas e pontevedreses a aproveitar o vindeiro 28 de abril para que, apostando polo BNG, Galiza volva ter voz e sexa determinante no Congreso dos Deputados en Madrid. Asegurou que o Bloque está “en clara remontada” e que a súa presenza nas Cortes do Estado servirá tanto para condicionar as políticas en favor do noso país como para frear á dereita “españolista e carca” nun escenario sen maiorías absolutas.

Durante a pegada de carteis do inicio da campaña, Da Silva mostrouse convencida dunha “remontada clara” do Bloque Nacionalista Galego porque son moitas as galegas e galegos que queren que as cousas cambien de verdade e ter unha vida cun traballo digno, dereitos e dignidade. Se algo necesita Galiza “como auga de maio”, dixo Da Silva, é ter unha representación unida, forte, sen subordinacións nin ataduras a Madrid para rematar coa discriminación ao país, motivo polo que ao seu entender, “moitas persoas desilusionadas de forzas estatais vellas e non tan vellas van optar polo BNG como forza política que non ten que pedir permiso para evitar outros catro anos de sombra”. 

“As oportunidades cando pasan por diante hai que saber aproveitalas e este 28 de abril temos a oportunidade de ser determinantes na política estatal apostando polo BNG, determinantes para que Galiza teña voz e que acabemos coa discriminación, e determinantes para que non haxa un goberno de dereitas . Este é o compromiso do BNG”, insistiu.

A cabeza de lista subliñou, de feito, o valor dobre do voto ao BNG como garantía dun apoio a gobernos de esquerdas e fixo fincapé en que “non é o tempo do medo ou do mal menor”. “Imos ser a voz de Galiza, esa vai ser a nosa liña vermella, pero tamén o freo da dereita españolista e carca, machista, que nos trae un programa de involución democrática ao que imos pararlle os pés porque representa a antítese do BNG”, dixo.

Así mesmo, Da Silva manifestouse especialmente motivada polo entusiasmo do electorado co BNG. Segundo dixo, “levo xa unhas cantas campañas vividas tanto no Parlamento Galego como nas municipais do Concello de Pontevedra e esta ten unha característica especial: a xente que se achega e traslada cariño e amor a Galiza, ao proxecto do BNG. Con esa enerxía xa nos están levando, empuxando cara ás portas do Congreso dos Deputados, onde estaremos a partir do 28 de abril para determinar e decidir as políticas que se fan no Estado con humildade e responsabilidade”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG