Xerais 2019

Carme da Silva: “Galiza precisa xestionar as súas infraestruturas para o desenvolver economicamente o país”

A cabeza de lista asegurou hoxe ante os empresarios do Porriño que existe “un contexto excepcional” que fai necesario votar ao BNG para dar a voz a Galiza e frear “á dereitona”  

A xestión das infraestruturas galegas para desenvolver economicamente o país e permitir xerar riqueza. Ese foi o tema que centrou hoxe no Porriño a reunión da cabeza de lista do BNG ás xerais do 28A, Carme da Silva, con representantes dos empresarios do polígono de A Granxa e de As Gándaras, da Asociación de Transportistas de Pontevedra e da Asociación de comerciantes do Porriño (ACIPOR). 

A candidata subliñou a unanimidade ao demandar -como fai o BNG- a transferencia da AP-9 e a rebaixa das peaxes, “porque ademais no caso do polígono de O Porriño non é viable utilizar ese treito da A-55 que é absolutamente inoperante para o tráfico pesado e que fai que se complique moitísimo o transporte de mercadorías”. 

Da Silva salientou a aposta do BNG por unha AP-9 galega, pública e gratuita. Manifestou a necesidade de que as infraestruturas estean adaptadas ás características propias do país (con asfaltos drenantes, por exemplo) e de aumentar a seguranza viaria. No encontro tamén da incoherencia das portaxes da AP-53 fronte á gratuidade da AG-53 e da necesidade de dar pulo a unha A-57 parada que “é necesaria” e para a que na última proposta de orzamentos do PSOE-Podemos-En Marea non había unha soa partida orzamentaria.

En materia de ferrocarril, púxose sobre a mesa a chegada do AVE a Vigo, instando a nacionalista a que “deixen de liarnos con variantes para non facer nada”. Subliñou, así mesmo a necesaria intermodalidade do transporte de mercadorías e na construción dunha saída sur do ferrocarril con conexión ao Porto de Vigo.

A cabeza de lista recolleu a petición dos transportistas da creación de aparcamentos vixiados pola necesidade de cumprimento da normativa de descansos dos condutores de camións e tamén en virtude de un aumento da seguridade, evitando que transportes de mercadorías perigosas estacionen en vías secundarias, preto de vivendas ou en polígonos industriais.

Finalmente, Da Silva expuxo as iniciativas do BNG sobre a creación dunha tarifa eléctrica galega que permita que as familias paguen menos e que empresas galegas reduzan custos, garantindo os empregos. “Rajoy negociou cos vascos unha tarifa propia para Euskadi que se lle nega a Galiza por cuestións partidistas, pero que podería supoñer unha medida máis atractiva que calquera rebaixa fiscal”, destacou.

Contexto excepcional

Por todas estas cuestións e “ristras de incumprimentos”, a cabeza de lista sinalou que tense demostrado que só o BNG pode dar voz realmente en Madrid a Galiza, xa que nos últimos anos os 23 representantes das demarcacións galegas, xa ben de PP, PSOE, Podemos ou En Marea no Congreso “estiveron mudos” con respecto ás necesidades do país. 

Subliñou que nestes momentos, ademais, estase creando un #EfectoBNG que posibilitará que o Bloque volva ás Cortes Xerais. “Nesta campaña notamos que imos a máis, notamos que desta vai”, dixo, para engadir que “vivimos un contexto excepcional” que esixe sumar o voto de país no BNG, “a forza que segundo todas as enquisas é quen de ter posibilidades de disputar o escano de Pontevedra a VOX e CD’s dando voz a Galiza”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG