Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva: “O BNG defenderá que Galiza teña status de nación pesqueira”

Poio
Poio
Nun encontro con mariñeiros en Combarro insistiu na urxencia dunha “voz galega que apoie o xeito e a pesca artesanal e exixa, dunha vez por todas, que se exclúa das cotas europeas”

“O BNG defenderá que Galiza teña status de nación pesqueira”. Así o indicou hoxe en Poio a candidata nacionalista para as eleccións do 10N, Carme da Silva, nunha reunión con mariñeiros do xeito en Combarro. A nacionalista insistiu en que o sector pesqueiro é estratéxico para o país e alertou da necesidade de que Galiza poida tomar decisións por si propia para defender os seus intereses en lugar de aceptar decisións lesivas que ata o de agora PSOE e PP asumiron “sen rechistar”.

Da Silva urxiu a necesidade dunha voz galega que apoie a pesca galega fronte ao abandono das forzas estatais. “En Madrid a pesca non é un sector estratéxico, pero si en Galiza, por iso cando negocian por nós, a centos de quilómetros, non nos defenden como deberían”, subliñou, destacando que é preciso ser decisivos na política do Estado con voz propia da man dos deputados e deputadas do BNG tras o 10N.

“Dende o BNG imos dar a cara polos intereses do sector á hora de negociar orzamentos, investimentos, cotas de pesca... fronte a un PP e un PSOE que xa demostraron desde o Goberno como traizoan os intereses dun sector prioritario para este país”. Avanzou que, nun Congreso sen maiorías absolutas, o BNG vai defender para Galiza “o status de zona altamente dependente da pesca ante a UE, porque iso permitirá obter máis fondos e máis cota de pesca para a nosa flota”.



Da Silva fixo especial fincapé en que é preciso apoiar o xeito e a pesca artesanal e exixir, dunha vez por todas, que se exclúan das cotas europeas. Indicou que a última decisión de Bruxelas de reducir o cupo de capturas da sardiña foi moi daniña para as embarcacións do xeito e do cerco con base en Combarro e Raxó, entre outras localidades galegas.

A cabeza de lista afeou a postura do Goberno ante esta situación, xa que como era de prever “non moveu un dedo” e aceptou a proposta de Bruxelas “sen rechistar”. “Vendéronnos unha vez máis, porque os problemas da xente do mar non importaron nin importarán no futuro se en Madrid non hai voces galegas que aposten polo noso”, destacou.

“Non podemos permitir que miles de mariñeiros estean cada día deixando o seu traballo, que non haxa relevo xeracional na pesca tendo uns recursos extraordinarios e en bo estado. Non se pode culpar ao sector pesqueiro galego de que esquilmen os recursos cando están sendo esquilmados por outros e noutras pesquerías. O sector artesanal galego debe ocupar o posto que lle corresponde, cuns topes para que lle permitan vivir e traballar con dignidade. Non queremos nin máis nin menos que aproveitar o potencial pesqueiro das nosas rías e o noso mar e poder vivir del. É posible facelo, só é cuestión de prioridades políticas, e para o BNG o sector pesqueiro galgo é unha prioridade”, subliñou.

Así, comprometeuse a que cando o BNG chegue a Madrid, exixirá que o xeito e a pesca artesanal queden fóra das cotas europeas, e que se teña en conta a proposta “da nosa xente do mar, que son os verdadeiros interesados na preservación da sardiña”. “O BNG deu a cara pola frota galega e ímolo seguir facendo. Ese é o noso compromiso. Fixémolo con numerosas iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso, e como o fixo Ana Miranda no Parlamento Europeo. Mais tamén na rúa, mobilizándonos cando fixo falta para denunciar o inxusto”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG