Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva amosa o seu rexeitamento ao centro comercial de Mos e alerta da afectación aos mananciais e a inseguranza viaria

Encontro comuneiros
Encontro comuneiros

A cabeza de lista do BNG para o 10N sinala que aposta do Bloque é defender o pequeno e mediano tecido comercial e unha ordenación respectuosa co medio ambiente “sen favorecer empresas privadas”

Destacou ao Bloque levará as reivindicacións dos comuneiros ante as entidades do Estado que deben emitir informes

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, xunto co portavoz municipal Gustavo Barcia, reuniuse hoxe con membros da xunta reitora da Comunidade de Montes de Tameiga e de comunidades de augas da zona en Mos. Alí manifestou o rexeitamento do Bloque ao macrocentro comercial incluído no proxecto do Celta, e alertou da súa afectación aos mananciais, e da inseguranza viaria na zona polas novas conexións viarias e polo aumento do tráfico na xa saturada A-55, polo que se comprometeu a levar adiante cantas iniciativas sexan necesarias para frear o proxecto.

“Estas instalacións van afectar á seguranza viaria, os recursos hídricos... A nosa representación no Congreso dos deputados a partir do 10N servirá para que as súas reivindicacións cheguen a aquelas entidades que teñen competencia para poder paralizar cos seus informes esta desfeita dende o punto de vista ambiental e dende o punto de vista da seguridade. E todo isto nun concello que xa está enormemente afectado por infraestruturas das que non poden desfrutar e impiden ter comunicacións e seguranza viaria axeitada”, subliñou.

A nacionalista escoitou as reclamacións da veciñanza de Tameiga e lembrou que o BNG ten un proxecto de país que busca potenciar o tecido comercial do pequeno e mediano comercio en lugar dos macrocentros comerciais, que destrúen máis empregos dos que crean. Neste caso, cualificou de “monstrosidade” as dimensións do novo centro, que triplicaría en tamaño o que existe na Gran Vía de Vigo.



En canto ás afectacións aos mananciais da zona, Da Silva indicou a súa preocupación polo futuro dos acuíferos (a súa sobreexplotación e contaminación), pertencentes á conca hidrográfica Miño-Sil dentro da zona sur de Galiza, afectando directamente a cuestións de competencia estatal. Recolleu, de feito, a inquietude da veciñanza pola petición de facer un pozo que subministre as novas instalacións con 20.000 litros diarios e da posible privatización da xestión das traídas cando finalice a concesión.

Dende o BNG, dixo Da Silva, “apostamos por unha ordenación racional e respectuosa co medio ambiente en lugar de favorecer os intereses de empresas privadas que só miran polo seu beneficio e non o dos veciños e veciñas, que terían que soportar non só problemas no subministro de auga, senón tamén unha maior inseguranza viaria”, destacou.

Así, lembrou que coas novas instalacións está previsto aumentar o número de vehículos día entre 30.00 e 40.000 na zona e que a previsión é crear unha estrada con dobre carril que rematada nunha rotonda na A-55, xusto a 200 metros de onde comeza o tramo mais perigoso desta autovía. Tamén sinalou a necesidade de informe aeroportuario por parte de Aena.

Por todo isto, a candidata nacionalista manifestou que unha vez o BNG estea no Congreso presentará diferentes iniciativas parlamentares para apoiar á veciñanza na zona, intentando que o proxecto non saia adiante e facer cumprir as obrigas administrativas escrupulosamente, tanto no relativo aos acuíferos como á necesidade de melloras nas infraestruturas viarias para garantir unha mobilidade sustentable.

Da Silva, acompañada de Gustavo Barcia, coincidiu en que o proxecto dende o principio foi un despropósito e criticou que non teña consenso social, xa que o malestar dos veciños é evidente.

Indicou que a presenza do BNG nas diferentes institucións (Concello, Parlamento Galego e Congreso) sempre servirá para levar a voz da veciñanza, á que animou a seguir adiante coa mobilización social. Subliñou a necesidade de que na Cámara Baixa haxa unha forza de país que defenda os intereses de galegos e galegas cunha axenda propia, fronte ao esquecemento e ás ataduras ás indicacións centralistas das forzas estatais.

A candidata fixo un chamamento á xente que “lle quere ao país” e instou a cambiar “o cabreo e o desencanto” en votos ao BNG, xa que é a única forza comprometida co país e cos dereitos sociais e liberdades.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG