O BNG ve con preocupación a posición “irresponsable” do PSOE que pon en risco gobernos alternativos ao PP

Cita como exemplos nos que a formación socialista pode abrir a porta a un goberno de dereitas os concellos do Moaña, Fene, Barreiros, Viana do Bolo, As Neves e Toques

A Executiva Nacional do BNG traslada a súa preocupación pola posición do PSOE en determinados concellos do país nos que mantén unha posición que non garante a constitución dun goberno municipal alternativo ao PP, sendo o Bloque a opción política con maior apoio electoral que podería liderar esa alternativa en clave nacionalista e de esquerdas.

Tras a reunión celebrada esta mañá, a dirección do Bloque cita como exemplos os concellos de Moaña, Fene, Barreiros, Viana do Bolo, As Neves e Toques onde os responsables locais do BNG non teñen confirmación da posición do PSOE a favor desa alternativa transformadora senón que, pola contra, todo indica que a formación socialista abriría a porta a un executivo do PP.

O BNG ratifica a súa vontade de garantir gobernos alternativos ao PP, alternativa que pode quedar no aire en concellos de moita importancia se o PSOE mantén unha posición que o Bloque considera “irresponsable”.

Desde a Executiva Nacional pídese ao PSOE que actúe para reconducir a situación convencida de que a cidadanía destes concellos non entendería que naufragase a posibilidade de ter gobernos de transformación da man do BNG optando polo PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG