O BNG urxe á Xunta controlar as augas e terras das comarcas afectadas polos residuos gandeiros de granxas intensivas

Mini Rivas
Mini Rivas

Pide un plan de rexeneración e recuperación das terras e augas nas comarcas con  grande densidade de granxas intensivas, principalmente porcinas e conxelar “cautelarmente” licencias para novas explotacións

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu na comisión de Agricultura a necesidade de  estudar alternativas e “tomar medidas”  ante a afección de terras e augas por residuos gandeiros. Ademais, a proposta do BNG solicitaba realizar “ un control e seguimento” das terras e augas e presentar un plan de rexeneración e recuperación nas comarcas de alta densidade de granxas intensivas, principalmente porcinas.

Rivas propuxo “como medida cautelar” conxelar as licencias para nova instalación de granxas con estas características nas comarcas máis afectadas.

Pola súa parte, o grupo do Partido popular presentou unha emenda ao texto nacionalista que non foi aceptada polo  deputado do BNG por considerar  que o Partido popular quería  “trasladar a toma de decisións á  Mesa e eludir as súas responsabilidades de goberno, pasadas e futuras”.

O parlamentario do BNG amosou a súa satisfacción pola creación da Mesa que abordará os problemas denunciados pero recriminou ao Partido popular “a falta de decisión política” ante esta problemática, a pesar de ser “sabedor dela”.

Rivas recriminou ao Partido popular que a transformación dos produtos cárnicos que xeran riqueza e poderían “fixar poboación no medio rural” non forme parte dos obxectivos políticos do Goberno da Xunta e avogou por “un cambio de rumbo” porque, explicou, a Mesa debaterá, analizará e aconsellará, pero debe ser  o goberno o que  “ten a obriga de que a lei se cumpra”  e estableza as medias restauradoras necesarias.

“Son anos e anos de deixación das súas obrigas”, concluíu.

Na mesma comisión, o deputado defendeu outra iniciativa que acadou un acordo para “reforzar e volver encher de contido as oficinas comarcais agrarias”. Na súa intervención lembrou que estas oficinas son “cruciais” na transformación e fortalecemento das actividades agrogandeiras para o asesoramento e tramitación de documentación, axudas e subvencións.

O nacionalista criticou o sistemático desmantelamento das oficinas agrarias levado a cabo nos últimos dez anos polo Partido popular en “beneficio de asesoramentos privados”. Hoxe, dixo, damos un primeiro paso e anunciou que o BNG seguirá moi de cerca e non entorpecermos o labor de diagnose pero “estaremos vixiantes” para que acordo “dea os froitos debidos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG