O BNG transmite o seu pesar e solidariedade á familia do obreiro falecido nas obras de Rande

Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)
Foto: CIG

Esixe que se garantan todas as medidas de seguridade na ampliación da ponte e lembra as denuncias polas condicións de explotación nesta obra

O BNG transmite o seu pesar e a súa solidariedade coa familia do traballador falecido nas obras da ponte de Rande nestes momento tan duros e difíciles polo tráxico accidente, e expresa o seu apoio a todo o persoal que participa directamente a pé de obra na ampliación desta infraestrutura.

A formación nacionalista tamén reitera a súa demanda á Xunta para que interveña e garanta o cumprimento de todas as medidas de seguridade laboral e lembra que, como denunciaron tanto o cadro de persoal como o sindicato CIG, as obras estanse levando a cabo nunhas condicións de “explotación” nas que os operarios están sendo obrigados a facer xornadas de ata 12 horas nunhas circunstancias de enorme perigosidade e a cambio de salarios que, segundo as denuncias laborais, están por debaixo do convenio do sector.

O deputado por Pontevedra e portavoz de infraestruturas, Luís Bará, salienta que os representantes dos traballadores xa denunciaron publicamente as condicións laborais e de risco nas que se estaban executando os traballos de ampliación de Rande, sen que desde a Administración se tomasen ningunha medida pese a ser a contratista da obra.

Ante a inacción da Xunta, o BNG trasladou ao Parlamento as denuncias e demandas sindicais e laborais, presentando unha proposición non de lei que o propio Bará defenderá na Comisión segunda do Parlamento o xoves da vindeira semana.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG