O BNG solicita que o Consello de Contas audite os convenios e as subvencións da Xunta á fundación privada Cipi Gomes

Noa Presas
Noa Presas

Presas denuncia a posibilidade de estar ante unha trama de kickboxing para obter fondos públicos e o control da federación desta disciplina

Como primeiro paso, Presas conseguiu o acordo da Cámara para que o Goberno do PP remita toda esa documentación ao Parlamento

O BNG, a través da deputada por Ourense, Noa Presas, conseguiu que o Parlamento teña acceso á documentación de todos os convenios, axudas e subvencións da Xunta coa fundación privada Cipi Gomes, que deberá ser remitida á Cámara nun prazo de quince días, e xa avanza que vai reclamar tamén en sede parlamentaria que o Consello de Contas audite toda esa documentación.

“Pedimos esta documentación hoxe pero xa adiantamos que o próximo venres na Comisión non permanente para a relación co Consello de Contas imos máis alá e solicitaremos que este organismo faga unha auditoría completa desde 2010, ano no que esta entidade foi declarada organización de interese deportivo sen ánimo de lucro”, explicou Presas na súa intervención na comisión de economía.

A deputada argumenta que é preciso aclarar a situación desta entidade con sede en Viana do Bolo, “pero cuxo cheiro a podre chega até este Parlamento”, denunciou, tras advertir que todo indica que se pode estar “diante dunha nova trama de kickboxing para obter fondos públicos e o control da federación”.

Presas explicaba as razóns da petición de auditoría.

“Temos serías sospeitas de que podemos estar ante un novo caso de fraude no kickboxing en Ourense como en 2017, porque está sen aclarar a investigación da Fiscalía aberta en 2015 sobre o centro de tecnificación de Viana de Bolo e, por se fose pouco, sabemos que esta fundación está vinculada a unha rede de escolas deportivas que son ficticias e que o que buscan é ter o control da Federación galega de kickboxing e tamén temos indicios de que os fondos non se están utilizando de xeito adecuado”.

Por todo isto, subliñou, “pedimos a auditoría do Consello de Contas, para que haxa transparencia sobre todo este asunto e ver se a vinculación do PP con esta entidade se deriva en trato de favor”.

A deputada por Ourense fixo un resumo dos antecedentes que arrancan no 2012, cando o entón alcalde do PP de Viana do Bolo cedeu o edificio do antigo instituto á Fundación Cipri Gomes a título gratuíto, así como o polideportivo anexo por un prazo máximo de trinta anos para destinalo teoricamente a un centro de tecnificación deportiva e formación ocupacional.

A partir de aí empezou a recibir cuantiosas axudas públicas e xa en 2013 obtiña  200.000€ do programa Leader. En seguida se constatou que non se levaban a cabo as actividade que xustificaban unha cesión á que o BNG no concello sempre se opuxo por falta de transparencia e de mal uso de fondos públicos.

Desde que en 2015 o BNG lidera o Goberno de Viana do Bolo dirixiuse numerosas veces en relación a este tema á Xunta e ao AGADER, pero sen resultado até que en 2017 os medios de comunicación de Ourense empezaron a facerse eco do xuízo pola fraude nas subvencións do kickboxing.

A formación nacionalista trouxo este asunto ao Parlamento en reiteradas ocasións, e denuncia que a Xunta leva anos ocultando información ao concello. De ai que, para aclarar este caso, pida a remisión á Cámara de todos os convenios e axudas do Goberno do PP a fundación Cipriano Gomes, -cuxo responsable é militante popular  e mesmo foi compromisario de Pablo Casado- e, sobre todo, reclama esa auditoría exhaustiva por parte do Consello de Contas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG