Imprimir

O BNG rexeita os orzamentos antisociais da Xunta que non dan solución aos problemas de Galiza

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 18 de decembro de 2018

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón denuncia que as contas de Feixóo manteñen a precariedade e o sufrimento das políticas de recortes en sanidade, dependencia e emprego

A soberbia do PP converte o debate orzamentario no día da marmota, alega

O BNG critica que o PP aprobe uns orzamentos de 2019 antisociais que non dan resposta aos problemas de Galiza nin ao sufrimento de milleiros de galegos e galegas que soportan os recortes en sanidade, dependencia, servizos socias básicos, que están no paro ou cun traballo en precario.

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que a prepotencia do PP aplicando o rodillo ás emendas presentadas pola oposición “converten o debate dos orzamentos no día da marmota, cos mesmos titulares propagandísticos, cos mesmos vetos, reducindo ao Parlamento a mero decorado cun Goberno instalado na soberbia que non acepta nin unha soa emenda para mellorar estas contas”.

Pontón tilda os presupostos de “antisociais e sen futuro para este país que deixan unha Galiza en precario  con salarios e pensións baixas, mentres se disparan as facturas de servizos básicos como a auga, a luz, o gas”. E pese aos recortes “a débeda segue medrando deixando unha herdanza que deberán pagar outros, triplicaron a débeda que se sitúa no máximo histórico de 15.000 millóns de euros”, denunciou. Para a líder do Bloque, Feixóo “é parte do problema e non da solución”, e as contas que presenta son propias “dun presidente acomplexado que non confía en Galiza”.

A formación nacionalista presentou 350 emendas parciais para trasladar aos orzamentos as demandas da sociedade, “pero o PP está instalado no NON”, criticou Pontón. De feito, o PP “vai votar non a dotar de máis fondos á atención primaria para contratar máis profesionais sanitarios". Igualmente, “vai votar non a unha tarifa eléctrica galega contra a o espolio enerxético, permitindo que os e as traballadoras de Ferroatlántica pasen o Nadal co corazón nun puño”, lamentou.

O PP tamén veta a proposta do Bloque para incrementar os cartos destinados a combater a violencia machista, -100M€-, ou a subir as pensións máis baixas no tramo autonómico, -40 millóns de euros-.

“350 NON que demostran ate que punto o PP está encastelado e anula a democracia. Pensan que como ten maioría, o Parlamento é seu e o usan como unha leira particular, chegando ao punto de impedir unha sala pública aos grupos políticos da oposición para darlle voz ás persoas que soportan os recortes”, denunciou en relación ao intento dos populares de impedir as comparecencias no Parlamento dos familiares da persoa falecida no PAC da Estrada e dos profesionais dos PACs.

Acertan cando rectifican

A resposta de Feixóo, salientou Pontón, son uns orzamentos que escondían “un programa de demolición da sanidade pública que incluía cargarse a pediatría en atención primaria, era a bomba destes orzamentos que tiveron que rectificar ante a contestación social e de profesionais. Sigan rectificando porque cando rectifican acertan”. Listas de espera disparadas, milleiros de persoas que non toman os medicamentos que precisan, folgas e dimisións en bloque dan conta das consecuencias dunha década de recortes na sanidade pública.

En Educación, a Xunta inviste un 2% menos cunha caída de 2.000 M€ na pública para traspasalo á privada, coa universidade e o ensino obrigatorio como principal damnificados “xogando co futuro dun país”. “Algo vai mal cando destinan 22 M€ a profesorado de relixión pero só 3 a bolsas de estudo, ou cando financian a colexios que segregan por sexos preferindo seguir a onda do opus dei en lugar da igualdade”, recalcou. “Hai que facer unha aposta estratéxica pola educación recuperando financiamento e profesorado”, demandou.

Falta de execución

Pontón tamén denunciou a falta de cumprimento dos orzamentos que, nunha parte moi substancial, nunca chega a executarse deixando as cifras en papel mollado. A 30 de setembro, consellerías como Medio Rural só executou o 37% do previsto, Medio Ambiente por debaixo do 40%, Economía e emprego o 25,7%. Capítulos como  investimentos reais non chegaba ao 37% e o de transferencias de capital tiñan un nivel de  execución aínda menor.

A dirixente do Bloque volve denunciar a política innovicida da Xunta “que fixo desaparecer á metade das empresas innovadoras de Galiza e nos colocou á cola en I+D+i”, ao que se suma que o Goberno galego é incapaz de executar as pobres cifras que orzamenta, pese a tratarse dunha cuestión clave para a modernización e a competitividade. “Non hai estratexia autocentrada no país”, subliñou Pontón.

A emigración de 200.000 persoas, a caída en picada da taxa de ocupación entre a xente moza e a destrución de emprego público son outros dos debes da década de Executivo de Feixóo. Finalmente, a dirixente do Bloque puxo o acento no desleixo da Xunta coa lingua, “destinan a metade do que os gobernos de Fraga destinaban á política de normalización lingüística” e  reclamou derrogar o “decreto da vergoña”.

“Estes orzamentos deixan escapar a oportunidade de recoñecer os problemas e aportar solucións, de rectificar para deixar de causar sufrimento ás persoas doentes, dependentes ou desempregadas”, concluíu.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-rexeita-orzamentos-antisociais-da-xunta-non-dan-solucion-aos-problemas-galiza/20181218123753023446.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr