O BNG rexeita a Lei de Portos do PP porque privatiza o sector e non dá máis competencias a Galiza

Montse Prado
Montse Prado

Renuncia á transferencia dos portos de interese xeral e da “barra libre” para instalar calquera actividade económica allea ao espazo portuario

A formación nacionalista vota en contra do texto “porque presenta unha lei para unha rexión e o BNG quere unha lei para unha nación”

O BNG rexeita a Lei de portos de Galiza da Xunta porque non responde ás expectativas nin ás necesidades do sector e, por contra, afonda na privatización dunhas infraestruturas estratéxicas ao tempo que supón unha renuncia a ter máis competencias porque nin sequera inclúe a reclamación dos portos de interese xeral. “Vostedes presentan unha lei para unha rexión e o BNG quere unha lei de portos para unha nación”, sintetizou a deputada Montse Prado.

Entre os principais lastres do texto da Xunta, “a privatización do sector portuario facendo  seguidismo da lei de portos do Estado”, criticou a portavoz de Pesca, quen citou como mostra desa privatización a ampliación de 30 a 50 anos na duración das concesións, “cando sería máis que razoable manter o período actual de trinta anos para facer unha avaliación do resultado da concesión antes de tomar novas decisións”.

Prado foi moi crítica coa actitude de “apisoadora” do PP, xa que das 106 emendas presentadas polo Bloque só aprobou mudar unha palabra, “así é como entenden o diálogo e a iso se reduce a súa capacidade de consenso”. Para a deputada nacionalista, trátase dunha oportunidade perdida que renuncia a ter o mando dos portos de intereses xeral como Vigo, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Ferrol e San Cibrao, “que son un negocio moi rendíbel para o Estado e esta lei non contempla reverter os beneficios en Galiza”.

De feito, os portos galegos son os segundos en tráfico de mercadorías e os primeiros en peixe fresco e conxelado, e as lonxas destes portos con mando en Madrid xeran millóns de euros. Igualmente, ocupan un lugar destacado no embarque portuario de automóbiles para exportación e en número de pasaxeiras e pasaxeiros embarcados e desembarcados en tránsito exterior.

Os inxentes recursos económicos obtidos por todas as operacións levadas a cabo no sector portuario galego “son controlados e gastados desde Madrid, en función dunhas prioridades nas que Galiza non figura, facendo perder millóns de euros á facenda galega. Marabilloso negocio”, ironizou.

Outros aspectos da lei que rexeita o BNG é a exclusión dos concellos de calquera decisión dos espazos portuarios, a falta de melloras nas relacións laborais,  que ignora a igualdade de xénero nos órganos de dirección,  afonda nos recheos, non prioriza a actividade pesqueira sobre calquera outra, pola contra, a lei de portos do PP da “barra libre” para a implantación de actividades que nada teñen que ver co sector como centros comerciais.

“Esta lei consolida a zona portuaria como espazos para a explotación de actividades non ligadas ao mar, xa que atribúe a consideración de usos portuarios aos industriais e comerciais, hoteleiros, mesmo de almacenaxe”, argumentou Prado, que ve no texto do PP unha clara finalidade “de liberalizar os servizos portuarios para converter os portos nunha sorte de polígonos comerciais e industriais, de ocio náutico, totalmente privatizados e renuncia á xestión pública dunhas infraestruturas clave para o país”.

Prado lamentou que o “rodillo” do PP “levantase un muro” que imposibilitou calquera rectificación e mellora na que será a primeira lei de portos de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG