Xerais 2019 (10N)

O BNG reclamará no Congreso uns orzamentos xustos para Santiago de Compostela

Néstor Rego e Goretti Sanmartín
Néstor Rego e Goretti Sanmartín
Néstor Rego exixirá aumentar a cantidade do Consorcio e dotacións para investimentos como a EDAR, o enlace orbital ou a intermodal
O candidato do BNG, Néstor Rego, comprometeuse a exixir no Congreso uns orzamentos xustos para Santiago e aumentar as dotacións para o Consorcio e para investimentos necesarios para a capital galega como son a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), o orbital (pendente de ser licitado) ou a intermodal. Anunciouno nun almorzo informativo xunto coa voceira nacionalista no concello de Santiago, Goretti Sanmartín, que denunciou tamén o trato inxusto da capital galega no proxecto de orzamentos da Xunta.

"Nos últimos anos os orzamentos destinados a Santiago polo goberno central caeron de maneira significativa, o que produciu un estancamento das actuacións na cidade", denunciou Néstor Rego que reclamou unha maior dotación para o Consorcio de Santiago para o que se consignaran entre todas as administracións " tan só nove millóns de euros, cantidade insuficiente coa perspectiva do Ano Xacobeo de 2021". Reclamou tamén, neste ámbito, un "cambio de orientación" con máis axudas destinadas á rehabilitación, insonorización ou mellora da eficiencia enerxética no Casco Histórico co fin de asentar poboación ademais de adquisición de novos equipamentos como a Sala Iago para transformala en centro sociocultural ou a parte da finca do Espiño que aínda non é pública.

Outra das demandas que o BNG reclamará no Congreso é a dotación necesaria para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e o enlace orbital que, para Néstor Rego é "unha infraestrutura necesaria para a operatividade plena dos polígonos industriais da cidade xunto con outras actuacións como a rotonda de Conxo ou a mellora da seguranza na N 550 e na N 525 á altura do Eixo e a recta de Finsa, que o Ministerio de Fomento non deu aínda executado".

 Ademais, o candidato do BNG anunciou que defenderá os orzamentos necesarios para que Santiago de Compostela teña unha verdadeira estación intermodal así como as dotacións para que a vella terminal de Lavacolla teña novos usos como arredor da actividade aeroportuaria como hangar e estación de reparación de avións ou centro de formación aeronáutica xuto coa execución da depuradora que eliminaría a contaminación do río. Engadiu tamén que reclamará que o novo aeroporto sexa rotulado inmediatamente co nome de Rosalía de Castro así como a intermodal inclúa no seu deseño elementos relacionados con Castelao, nome que foi proposto polo BNG.

"Os dous votos do BNG foron decisivos en 2009 para que os orzamentos destinados a Galiza se situasen por riba dos 2.100 millóns en 2009, tres veces máis dos 745 contemplados nos frustrados orzamentos de 2019 cando a cantidade descendía para só fronte outras Comunidades Autónomas que aumentaban un 20 ou mesmo un 30%, o que demostra como se pode actuar no Congreso en defensa dos intereses do país cunha dotación que repercute na calidade de vida e o benestar de galegos e galegas", dixo Néstor Rego que prometeu que a súa voz será rotunda en Madrid na demanda duns orzamentos xustos para Galiza e para a súa capital, Santiago de Compostela.

Discriminación no Estado e na Xunta

A voceira do BNG en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, lembrou que "cando Pedro Sánchez presentou a proposta de orzamentos avalada por Podemos, foi unánime o clamor de non verse cumpridas as expectativas de infraestruturas fundamentais para Santiago, mesmo do PSOE local, polo que é necesario termos unha voz propia no Congreso que esixa rematar co inxusto tratamento coa capital galega".

Goretti Sanmartín reclamou neste sentido ao alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, que esixa de maneira inmediata os investimentos do Estado para actuacións como a EDAR ou o orbital e que faga valer diante da Xunta o Estatuto de Capitalidade nuns orzamentos que "tiñan que ser de cinco millóns e medio de euros como así está calculado e só se consignan neste exercizo 2.400.000, unha miseria que significa a pouca capacidade do alcalde e o escaso compromiso da Xunta con Santiago de Compostela".

Exixiu así que se asuman "eses cinco millóns e medio imprescindíbeis par asumir os retos de Santiago de Compostela e non unha cantidade de máis de tres millóns menos, o que son uns orzamentos miserábeis da Xunta igual que os que presentou Pedro Sánchez para a capital galega".

"Nin o PP, nin o PSOE, nin Podemos, tiveron en conta a condición de capital galega de Santiago de Compostela e nós defendemos que ten que estar presente nas políticas do Estado de maneira permanente o que o BNG fará coa súa voz no Congreso a partir do 10 de novembro", comprometeuse Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG