O BNG reclama á Xunta que se cubran as baixas dos médicos de familia e de pediatría no centro de saúde de Catoira

Montse Prado
Montse Prado
Prado denuncia que os recortes do PP provocan un deterioro do servizo sanitario que se presta a veciñanza, “consecuencia dos recortes do PP”

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta que cubra todas as baixas dos dous médicos de familia e do pediatra que conforman o cadro de facultativos do centro de saúde de Catoira, e atenda así ás demandas da veciñanza “que saíu á rúa farta tras un ano reclamando solucións”.

Prado fixo un repaso da falta de persoal que impide prestar unha atención de calidade nun centro que conta con 3.000 tarxetas sanitarias.

“O pediatra pasa consulta catro días en media xornada pero no resto do tempo os país e nais ante calquera urxencia teñen que desprazarse a Vilagarcía co que iso implica de dificultade para a conciliación familiar e laboral, -de feito en moitos casos son os avós e avoas as que os levan á consulta co que iso implica de gasto adicional-, ou o feito de que a nena ou o neno ten que ser atendido por un profesional que non coñece o seu historial”, explica a deputada.

A esta deficiencia se suma que dos dous facultativos de familia que existen no centro de saúde de Catoira, un deles está de baixa desde hai meses sen que o SERGAS procedese a súa substitución e tampouco se cobren as baixas por permisos, vacacións ou outras cuestións do segundo facultativo, polo que a veciñanza, ademais de soportar un continuado baile de horarios, non ten garantido o servizo médico.

“Todo isto é consecuencia da falta de planificación e dos recortes do PP, da precariedade laboral de moitos dos e das profesionais, que afecta a Catoira pero que tamén a moitos centros de saúde do país”, argumentou Prado, “os e as veciñas non están pedindo nada extraordinario senón opoñéndose aos recortes de persoal porque pon en risco a súa saúde e a saúde dos seus fillos e fillas”.

“É unha situación inaceptable, a veciñanza está farta porque non sabe se vai ter médico, de telo quen vai ser o profesional, en que horario, se de mañá ou de tarde, se a cita  médica que teñen se se vai manter, vense empuxados a ir ao servizo de urxencia para que lle digan que non é unha urxencia e queden sen atender ou que os nenos e nenas non teñan un seguimento axeitado, unha veciñanza que está farta porque pasan os meses e seguen sen solución”, denunciou a deputada por Pontevedra.

Por todo isto, Prado reclamou a través dunha proposición non de lei a substitución dos facultativos de familia e do pediatra do centro de saúde de Catoira, polas baixas laborais, días libres, vacacións ou calquera causa, para que haxa unha asistencia sanitaria de calidade e unhas condicións laborais dignas para os profesionais, petición que non prosperou porque foi vetada polo PP.

“Non poden enganar a todo o mundo todo o tempo agochándose na verborrea barata cando o que pasa no centro de saúde de Catoira é consecuencia da falta de compromiso do Goberno de Feixóo coa sanidade pública”, concluíu Prado na súa réplica ao veto do PP.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG