Imprimir

O BNG reclama a posibilidade de estudar lingua e cultura galegas para a emigración arxentina e uruguaia

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 30 de outubro de 2019

Encontro no Colexio Apostol
Encontro no Colexio Apostol
Ana Miranda salienta a alta demanda que existe dende as colectividades do exterior

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta á Xunta de Galiza que estableza a posibilidade de estudar lingua e cultura galegas para a comunidade galega máis grande no exterior, como é a de Bos Aires e Montevideo. Ao seu xuízo, esta posibilidade permitiría que as novas xeracións de galegos e galegas na diáspora poidan manter a identidade e a cultura propias e, segundo puido comprobar nas xuntanzas que mantivo no centro escolar Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires e co Padroado da Cultura Galega de Montevideo, existe unha grande demanda para poder escolarizar aos nenos e nenas en galego.

“Lamentablemente a Xunta está incumprindo o Estatuto de Autonomía de Galiza, que indica que tamén se estudará lingua e cultura galegas polas colectividades do exterior”, sinala Miranda, quen subliña que faltan investimentos da Xunta, polo que habería que estudar fórmulas e posibilidades de escolarización en galego “para satisfacer o desexo dos pais e nais que queren facilitar o coñecemento do idioma, da cultura galega e o amor ao país de orixe ás novas xeracións”.

A portavoz do BNG en Europa afirma que este sería unha “vía idónea para estreitar os lazos coas maiores colectividades galegas do exterior e manter os vínculos culturais e lingüísticos con Galiza”, tal e como asemade lle transmitiron o presidente da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, Diego Martínez, e a presidenta do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, Ana Lorenzo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-reclama-posibilidade-estudar-lingua-cultura-galegas-emigracion-arxentina-uruguaia/20191030140309025788.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr