Parlamento Galego

O BNG reclama no Parlamento galego a reactivación da Atención Primaria nos concellos de Meaño, Meis e Vilagarcía

Entrega sinaturas
Entrega sinaturas
Montse Prado exixe ao Sergas a reapertura dos consultorios de Paradela e Vilaxoán e a reposición da atención pediátrica en Meis e Meaño

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para reclamar a reactivación da Atención Primaria en distintos puntos dos concellos de Meis, Meaño e Vilagarcía, logo das restricións decretadas no seu día por mor da pandemia.

Nas distintas iniciativas parlamentarias, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, demanda do Goberno galego, por unha banda, a activación inmediata da atención sanitaria presencial nos centros de Atención Primaria que aínda se atopan en porcentaxes mínimas e, por outra, a reapertura dos consultorios de Paradela en Meis e de Vilaxoán en Vilagarcía, así como a reposición da atención pediátrica nos concellos de Meis e Meaño e da matrona no de Meis.

De igual xeito, Prado solicita tamén a cobertura das vacantes de persoal facultativo por xubilación tanto no centro médico de Dena como no de Meaño e que o Sergas garanta en ámbolos dous centros a substitución de todas e todos os profesionais nas súas ausencias, sexa cal sexa a razón das mesmas.    

Segundo explica a deputada do BNG, as restricións aplicadas pola Xunta deixan a Atención Primaria “baixo mínimos” pese a ser a chave na asistencia sanitaria -máis se cabe na loita contra a COVID19, dado o seu relevante papel na detección precoz de contaxios- e afecta especialmente aos centros de saúde de menor dimensión e do rural, como é o caso dos concellos de Meaño e Meis ou do consultorio de Vilaxoán, en Vilagarcía.    

Neste sentido lembra que, meses despois do inicio da pandemia, o Sergas aínda mantén pechado o consultorio de Paradela en Vilaxoán; non repuxo a atención pediátrica nin en Meis nin en Meaño, a pesares de que tiña anunciado que só ía ser temporal o desprazamento da cidadanía afectada a Sanxenxo; eliminou o servizo de matrona en Meis; non substituíu ás e aos facultativos xubilados tanto no centro médico de Dena como no de Meaño e mantén as restricións para acceder á atención presencial con demoras de días para obter cita.

Prado advirte que estas restricións e recortes veñen sumarse á situación previa de deterioro da atención sanitaria que xa padecía a veciñanza destes concellos, o que incrementa a súa fonda preocupación ante o temor de que non sexan estas medidas de urxencia, senón que o Sergas pretenda convertelas en definitivas, toda vez que non ofrece alternativas. Cómpre lembrar neste sentido a mobilización social da cidadanía que coa recollida de sinaturas vén reivindicando solucións para esta situación e que, concretamente dos concellos de Meaño e Meis acaban de presentar máis de 1.000 sinaturas no rexistro do Parlamento galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG