Parlamento Galego

O BNG reclama unha investigación sobre a actuación da Xunta no caso de contaxio masivo por COVID19 na empresa Avigal

Montse Prado
Montse Prado

A deputada Montserrat Prado considera unha “neglixencia” que o cribado entre o cadro de persoal tardase case un mes dende o primeiro positivo

Demanda medidas concretas para garantir a saúde laboral das persoas traballadoras e o cumprimento dos plans empresariais de prevención

O BNG reclamou hoxe unha investigación sobre a actuación da Xunta no caso de contaxio masivo por COVID19 rexistrado na empresa Avigal de Cambados, logo de confirmarse na Comisión de Sanidade do Parlamento galego que o Sergas non realizou o cribado entre o cadro de persoal ata practicamente un mes despois do primeiro positivo.

Logo dos datos desvelados en resposta a unha pregunta parlamentaria presentada polo Bloque, a deputada Montserrat Prado cualificou a actuación do Goberno galego como unha “neglixencia” diante dunha situación de alto risco, tal e como quedou confirmado finalmente pola magnitude alcanzada por este gromo. “Resulta sorprendente e indignante que ante unha situación coma esta a Xunta actúe con este desleixo porque detrás das estatísticas hai persoas traballadoras”, advertiu.

Prado cuestionou a capacidade de resposta das autoridades sanitarias na detección, identificación e seguimento de positivos e a falta de medidas urxentes para protexer a saúde das persoas e cortar a cadea de contaxios nesta empresa da comarca do Salnés. “Aconteceu en Avigal como pode acontecer en calquera outra empresa”, alertou, para subliñar a continuación que o Goberno galego ten que facer un traballo proactivo de seguimento e inspección que garanta o cumprimento dos protocolos de prevención e que evite que “queden só no papel”.

A deputada nacionalista considerou inaceptable que se pretenda desviar a responsabilidade cara teóricas actuacións individuais das e dos traballadores como orixe dos contaxios e asegurou que o caso de Avigal ten que servir para que a Xunta poña en marcha todas as medidas precisas para garantir a saúde laboral da clase traballadora. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG