Imprimir

BNG reclama garantir a atención do servizo sanitario do aeroporto Rosalía de Castro

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 16 de outubro de 2020

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado Néstor Rego ve necesario cubrir todas as vacantes do servizo sanitario do aeroporto para asegurar a atención médica todos os días do ano, así como detectar e previr posíbeis contaxios.

O BNG considera preocupante que en lugar de apostar por reforzar os servizos propios dos que dispón AENA, óptese por externalizar eses servizos.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou o Goberno español cubrir o servizo sanitario do Aeroporto Rosalía de Castro no súa totalidade asegurando a atención médica todos os días do ano mediante a cobertura da praza, actualmente vacante.

Tras a declaración do estado de alarma, unha das primeiras medidas adoptadas para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, foi a supresión de forma totalmente unilateral do servizo sanitario do aeroporto. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera esta decisión “absolutamente incomprensíbel en plena emerxencia sanitaria”, pois a pesar da redución do número de voos, “a asistencia para detectar e previr posíbeis contaxios era máis necesaria que nunca” subliñou.

Rego denunciou que coa chegada da nova normalidade, e a pesar de ir incrementándose paulatinamente os voos con destino a Santiago de Compostela, o persoal de enfermería foi dos últimos en incorporarse por falta de EPIS que garantisen a súa protección fronte ao coronavirus. O deputado do BNG destacou que non se cobre o servizo todos os días do ano, cando sería esencial para garantir a seguridade e saúde nas instalacións aeroportuarias, que se prestase de forma continuada atención sanitaria e posibilitásese a asistencia a posíbeis emerxencias. “É por iso necesario que se proceda de forma urxente á cobertura desta praza vacante”.

Ademais, Rego sinalou que o colectivo de enfermeiras do aeroporto Rosalía de Castro, tan só cobre o horario desde ás 6:30 ás 00:30 horas, e desde 2016 non se cobren as baixas, permisos de maternidade, excedencias ou permisos retribuídos, chegando a darse o caso de traballar unha única enfermeira durante o mes de agosto. “Como é lóxico esta situación foi denunciada reiteradamente polas e polos traballadores e as organizacións sindicais que os representan, como é o caso da Confederación Intersindical Galega que reclama que debería ser prioritario garantir unha cobertura continuada e durante todos os días do ano” salientou.

O BNG reproba que AENA gaste case nove millóns de euros con Quirón Prevención para realizar controis pola Covid-19 nos aeroportos do Estado, en lugar de apostar por ampliar e fortalecer os servizos sanitarios propios dos que xa se dispón nas instalacións aeroportuarias. Néstor Rego considera preocupante que “en lugar de apostar por reforzar os servizos propios dos que dispón AENA, óptese por externalizar eses servizos”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-reclama-garantir-atencion-do-servizo-sanitario-do-aeroporto-rosalia-castro/20201016132044028261.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr