congreso

BNG reclama a Defensa que investigue celebración da Armada en Ferrol do afundimento en 1937 dun submarino da 'escuadra roja'

Efemérides militares
Efemérides militares
Néstor Rego considera que, se se confirmar, sería un feito gravísimo por se tratar dun documento oficial da Subdirección da Escola Naval da Graña e reclama que, nese caso, se depuren responsabilidades. O deputado do BNG lembra que isto vén a sumarse a outros feitos recentes como as cartas de altos mando militares na reserva a Felipe de Borbón con propósitos golpistas e antidemocráticos ou a difusión de vídeos de militares en activo cantando cancións fascistas, un deles na Escola Naval de Marín.

No día 1 de xaneiro foi difundido a través das redes sociais un boletín da Subdirección da 'Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña', titulado 'Orde núm. 001 para o venres 01 de xaneiro de 2021' en que, no ítem 'Efemérides' se lembraba o afundimento do submarino C5 da 'escuadra vermella' en 1937 coa linguaxe propia da guerra civil e do franquismo.

O texto completo reza así: EFEMÉRIDES. Nos primeiros días de xaneiro do ano 1937 desapareceu con toda a súa dotación o submarino da escuadra vermella C5, mandado polo heroico Tenente de Navío Don José Lara y Dorda, que o afundiu ao fracasar o seu atrevido plan para se apoderar do buque e pasar con el á Frota nacional. Houbo outros casos en que os oficiais aparentaron servir os vermellos, con grande risco das súas vidas, evitando con habilidade e engano efectuar ataques aos buques nacionais. Se se apercibir a dotación destas manobras terían sido mortos no acto”.

O BNG rexistrou nesta mañá unha iniciativa instando o Goberno a investigar o acontecido. O deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que, se se confirmar, estariamos diante dun feito gravísimo por se tratar dun documento oficial da Armada en que se celebra un acontecemento da Guerra Civil coa linguaxe e a terminoloxía propia da época e do franquismo: 'Escuadra roja', 'Flota nacional', 'los rojos', 'los buques nacionales'...

“Parece que o Exército español continúa operando en chaves políticas e ideolóxicas da guerra e do franquismo; é o resultado da chamada 'Transición' e da falta de ruptura democrática coa ditadura”, sinala Rego, que lembra que isto viría a sumarse a outros feitos igualmente graves como as sucesivas cartas que altos mando militares na reserva dirixiron a Felipe de Borbón con propósitos golpistas e antidemocráticos ou a difusión de vídeos de militares en activo cantando cancións fascistas, un deles na Escola Naval de Marín.

Diante desta sucesión de actividades antidemocráticas no seo do Exército, que ameazan os dereitos e as liberdades públicas -só hai que lembrar que un dos asinantes falaba nun chat de asasinar 26 millóns de persoas-, Rego reclama unha actuación decidida do Goberno español para investigar e depurar responsabilidades.

O deputado nacionalista lembra que sempre os pronunciamentos de tinte ultradereitista e pro-franquista no exército español fican impunes en canto aqueles militares que os denuncian acaban sendo sancionados e expulsados, como aconteceu ao Cabo galego Marcos Santos ou ao Tenente Luís Gonzalo Segura. “Vai actuar o Goberno ou vai continuar a ollar para outro lado?”, pregunta Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG