Imprimir

BNG reclama o compromiso do goberno estatal para cofinanciar o Corredor Atlántico e superar a discriminación de Galiza

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 20 de novembro de 2020

Reunión corredor atlántico
Reunión corredor atlántico
A formación nacionalista valora, fronte a inacción do goberno, que o Eixo Atlántico defina as prioridades que debe incluír o Plan Director

Que Galiza estea no mapa das redes transeuropeas de transporte ferroviario en igualdade de condicións con outros territorios é o obxectivo das iniciativas levadas a cabo polo BNG nas diferentes institucións nas que ten representación, segundo destacaron a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda; o deputado no Congreso, Néstor Rego; a deputada no Parlamento Galego, Alexandra Fernández; e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, na reunión que mantiveron co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para abordar a necesidade de potenciar o Corredor Atlántico.

Tras a decisión das institucións europeas de incluír Galiza no Corredor Atlántico de Redes Transeuropeas de Transporte, o Bloque considera que o goberno estatal non debe caer no mesmo erro que o PP na lexislatura pasada, na que Galiza foi discriminada. A formación nacionalista defende a superación desta discriminación e neste sentido sinala que a aposta por outros territorios en detrimento de Galiza implica que se lle priva de ferramentas e financiamento para impulsar un desenvolvemento económico sostible e na aposta polos modelos de transportes sustentables na loita contra a emerxencia climática.

Segundo as previsións da UE, no horizonte do 2030 os diferentes corredores deberían estar dotados con todos os servizos e infraestruturas, polo que é indispensable aproveitar as posibilidades que se abren coa aprobación do marco financeiro plurianual 2021-2027, que dependen das negociacións que leve a cabo o Estado coa Comisión, así como cos fondos extraordinarios. “Queremos que o Estado se mova en Bruxelas para impulsar o Corredor”, salientan.

2.400 millóns para investimentos

“Diante da inacción do Estado, agradecemos que o Eixo Atlántico tomase a iniciativa de elaborar un informe que inclúe os elementos básicos do pertinente Plan Director do Corredor Atlántico”, indican. Ao respecto salientan que precisamente a elaboración do Plan Director, “elemento fundamental no desenvolvemento e mellora das infraestruturas, é unha tarefa que debe realizar o goberno estatal”, para que a conexión de Galiza teña as mesmas condicións que o resto dos corredores e conte con 2.400 millóns de euros para investimentos.

O BNG defende, tal e como sinalou na iniciativa xa presentada no Parlamento Galego, a mellora das conexións con Portugal coa construción da Saída Sur de Vigo, así como a atención á intermodalidade do corredor ferroviario europeo mediante a priorización das conexións ferroviarias dos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-reclama-compromiso-do-goberno-estatal-cofinanciar-corredor-atlantico-superar-discriminacion-galiza/20201120161449028573.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr