Parlamento Europeo

O BNG reclama a comparecencia urxente da ERA no xuízo do Alvia para investigar o ocultamento de información por parte de Talgo

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea
Ana Miranda e Rosana Pérez piden responsabilidades políticas polo borrado de datos sobre o estado do tren Alvia xa denunciado polos peritos e informáticos

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a ex deputada no Congreso e candidata número 4 pola provincia da Coruña, Rosana Pérez, reclaman que o xuíz instrutor da causa do accidente do tren Alvia solicite de forma urxente a comparecencia da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) no xuízo, tal como se ofrecera o director da ERA en sucesivas ocasións, co obxectivo de investigar, entre outros temas, o ocultamento de información por parte de Talgo sobre o estado do tren que sufriu o accidente o 24 de xullo de 2013 en Angrois.

As nacionalistas sinalan que o borrado de datos sobre o estado deste tren, efectuado tras o accidente, xa foi denunciado polos peritos e informáticos que van comparecer este venres 13 de marzo nos xulgados de Santiago e ante a gravidade desta situación piden responsabilidades técnicas e políticas. Para a portavoz do BNG en Europa, e denunciante da causa en Bruxelas, “é tal a gravidade do accidente e tal a mentira que envolve a investigación da CIAF, que non é suficiente unha nova investigación técnica, senón que desde o Bloque consideramos que todos estes elementos deben ser incorporados na causa xudicial, con consecuencias para os seus responsables”.

Pola súa parte, a candidata pola provincia de A Coruña e ex deputada no Congreso Rosana Pérez, -quen tivo un activísimo papel na denuncia do accidente e na petición de responsabilidades con numerosas iniciativas-, cualifica asemade de “extrema gravidade e falta de toda ética” o borrado de datos polos directivos de Talgo para que non quedara rexistro, despois de que o mecánico dixera que había incidencias de gravidade alta, polo que tamén defende que esta actuación teña efectos sobre quen deu as directrices.

Relación fluída coa Comisión Europea

Ana Miranda lembra que a investigación realizada pola Comisión de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non foi independente, tal como ditaminou a Comisión Europea e a propia Axencia Ferroviaria Europea no 2016. Ao seu xuízo “debería repetirse a investigación” posto que a realizada incumpre Directiva Marco Europea de Seguridade Ferroviaria de 2004, que no seu artigo 22. 2º establece que na realización da investigación dun accidente ferroviario “poderá recorrerse a peritos externos ao organismo investigador, dependendo da natureza do accidente que se investigue”.

Neste sentido, e no marco da relación fluída que Miranda mantén coa Comisión Europea, o BNG trasladou recentemente información complementaria do borrado de datos do Talgo para que sexa incorporada ao procedemento de infracción aberto pola Comisión en xaneiro de 2019 contra o Estado español sobre o incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria, que inclúe o accidente de Angrois. Ademais, na documentación presentada, inclúese tamén a resposta ofrecido polo goberno español á pregunta rexistrada polo BNG no Congreso na que se asegura que a CIAF “goza de plena independencia funcional respecto de calquera organismo ou entidade” e que o “informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente”.

Pola contra, segundo expresou a propia Comisión Europea no informe da Axencia Ferroviaria Europea, de xullo de 2016, a CIAF non é un organismo independente, tal e como esixen as autoridades europeas nin cumpriu axeitadamente a súa obriga de investigar o accidente, tal e como destacou o xefe do departamento de Seguridade da ERA, Chistopher Carr, na súa comparecencia na Comisión de Investigación do Congreso, en novembro de 2018.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG