Congreso

BNG reclama 25 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para Pontevedra

Miguel F. Lores e Néstor Rego
Miguel F. Lores e Néstor Rego
Néstor Rego estas emendas presentadas non só son razoábeis, tamén son coherentes coa liña de actuación que o BNG vén desenvolvendo desde hai moitos anos no Concello de Pontevedra.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, visitou esta mañá Pontevedra para presentar as emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado que teñen relación coa cidade xunto co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. As propostas do BNG benefician ao conxunto da comarca de Pontevedra e supoñen un investimento de 25 millóns de euros en total.

O deputado nacionalista manifestou que “estas emendas presentadas en relación a Pontevedra non só son razoábeis, tamén son coherentes coa liña de actuación que o BNG vén desenvolvendo desde hai moitos anos no Concello de Pontevedra”. Rego salientou o proxecto de “cidade humana” que o BNG foi capaz de pór en marcha encabezado por Lores ao longo das últimas lexislaturas.

Néstor Rego fixo fincapé na emenda presentada en relación co Museo de Pontevedra con cargo á partida cultural do Ministerio de Transportes para “impulsar a plena operatividade do Museo no que se atopa a maior parte da obra gráfica de Castelao que é necesario valorizar e divulgar”. Miguel Anxo Lores neste mesmo sentido, destacou que “o Museo de Pontevedra é un dos museos provinciais máis importantes de todo o Estado e que conta con grandes obras que nestes momentos non están sedo exhibidas por falta de espazo” e lembrou que historicamente toda as ampliacións que se fixeron foi a través de convenios coa Administración Xeral do Estado, Xunta e Deputación, polo que ve coherente que o Ministerio colabore tamén na ampliación dos equipamentos.

Por outra parte, o BNG ve imprescindíbel destinar unha partida dos orzamentos de 5 millóns de euros para un proxecto de adaptación ao espazo urbano da estrada N-550, que discorre polo concello de Pontevedra atravesando importantes zonas comerciais e que nas condicións actuais supón un perigo de seguridade viaria dado o seu alto tránsito de vehículos.

Así mesmo, os nacionalistas consideran necesario o investimento doutros 5 millóns para a mellora ambiental dos terreos situados en dominio marítimo terrestre na ribeira da ría desde Pontevedra até Marín e que se encontran degradados, así como tamén para o entorno da Xunqueira de Alba en que se atopan situadas diferentes administracións.

Ademais, Lores salientou que nestes momentos estase a executar por parte de Costas a continuidade do paseo que transcorre de Marín até o Cabo, mais sinalou que hai zonas con certa dificultade para realizar o paseo peonil e un carril bici. O alcalde destacou que o Concello lle trasladou varios proxectos ao Ministerio de Fomento para que os estuden e destinen o financiamento necesario para rematar a obra.

O deputado Néstor Rego manifestou que ao BNG gustaríalle que estes proxectos saíran adiante para mellorar a cidade de Pontevedra mais aclarou que a disposición do Goberno español, conformado por PSOE e Podemos, a corrixilos a pesar de ser insuficientes para Galiza, está sendo escasa ou nula nestes momentos. A Rego parécelle incomprensíbel que nun contexto duns orzamentos expansivos en que a maioría das CCAA aumentan os investimentos recibidos por riba do 40%, en Galiza caen un 11% en relación cos últimos orzamentos aprobados, os chamados orzamentos de “Montoro” de 2018.

Neste sentido, Rego quixo deixar claro que os avances destacábeis para Galiza nestes orzamentos veñen da man do BNG como é a bonificación nas portaxes da AP-9, moi beneficiosa para todo o conxunto do país, principalmente para as cidades do Eixo Atlántico. “Non é só unha cuestión de abaratar a viaxe dos usuarios e usuarias que circulan pola AP-9 senón que tamén ten unha transcendencia desde o punto de vista económico, na medida en que é unha autoestrada que conecta cinco das sete grandes cidades galegas, a maior parte dos portos de interese xeral, os tres aeroportos e que boa parte da actividade económica fai uso desta vía para mover mercadorías” sinalou.

O BNG seguirá traballando para defender os intereses da Galiza e iso significa que se poñan en marcha políticas favorábeis ás maiorías sociais e se prevexan investimentos que traten ao noso país de maneira adecuada e non de forma discriminatoria, como de xeito moi evidente se está producindo neste momento.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG