O BNG propón que o uso das máscaras sexa obrigatorio e que a Xunta garanta a distribución gratuíta a toda a poboación

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón pide a Feixóo que deixe de facer electoralismo coas oposicións e tome unha decisión xa porque hai miles de galegos e galegas en vilo polo seu futuro

Denuncia a anomalía democrática dun Parlamento amordazado polo PP e pide que Feixóo compareza unha vez á semana, empezando pola xestión nas residencias

Insiste en habilitar axudas directas @s autónom@s compatibles coas do Estado e en axilizar a tramitación dos ERTEs para facilitar ingresos ás familias afectadas

Se as máscaras son un elemento de protección contra o coronavirus deben estar accesibles para toda a poboación e, polo tanto, o seu uso non pode ser unha mera recomendación. Así o considera o BNG e por iso a portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao Goberno de Feixóo que estableza un protocolo propio e que garanta a distribución gratuíta das máscaras entre toda á cidadanía, polo menos mentres exista risco de contaxio.

“O uso da máscara debe ser obrigatorio e deben repartirse de xeito gratuíto para salvargadar a saúde pública considerando que é un ben de primeira necesidade para conter a pandemia nos primeiros meses, como así o indica a OMS. Iso é o que estamos propoñendo e o que demandamos da Xunta de Galiza, que non se quede na crítica senón que actúe poñendo en marcha un protocolo propio de uso das máscaras”, recalcou.

De cara a garantir ese abastecemento tanto no presente como no futuro, o Bloque insiste na posta en marcha dunha empresa pública adicada á produción de material de protección como guantes, batas ou hidroxeles. “Pode haber rebrotes, outras pandemias e hai que prepararse, producir en Galiza para garantir o subministro de material sen dependencias de China, garantir o abastecemento e xerar deposito, por dúas vías: crear unha empresa pública e promover que haxa tecido empresarial galego que produza estes bens”, explicou.

Pontón foi contundente en relación ao seu uso das máscaras no posto de traballo, tanto agora como ante unha progresiva recuperación da actividade económica. “Debe ser de uso obrigatoria e deben ser facilitadas a todo o persoal gratuitamente por parte das empresas, non ten xustificación que estean obrigados por lei a cumprir cuestións moito menores en materia de prevención de riscos laborais e que o uso de máscaras neste contexto de pandemia sexa voluntario e recaia na responsabilidade e nas posibilidades económicas dos traballadores e traballadoras”, argumentou.

A líder nacionalista tamén puxo o foco na data de celebración das oposicións, incógnita que a Xunta segue sen despexar. “Pídolle a Feixóo que deixe de xogar coa data por motivos electoralistas porque afecta a miles de persoas que levan meses ou anos estudando, esforzándose, sobre todo cando a maioría das comunidades xa decidiron cancelar”. O BNG ve pouco realista citar a miles de persoas nun mesmo espazo pero, en todo caso, urxe unha decisión para que os e as afectas saiban a que aterse. En todo caso, se queda para o próximo ano, a nova convocatoria debería recoller o correspondente aumento de prazas.

Mesa económica e social

En relación ao atraso para recibir a prestación vinculada aos ERTEs ou a falta de ingresos das persoas que traballan por conta propia, o Bloque demanda da Xunta “ser parte da solución” axilizando a tramitacións dos expedientes. No caso dos e das traballadoras autónomas, propón unha axuda directa de até 2.000 € nun pago único con cargo aos orzamentos galegos compatible coas axudas anunciadas polo Estado.

Galiza ten 200.000 persoas afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego e 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia. Por iso, o Bloque propón poñer en marcha unha Mesa Económica e Social para abordar as consecuencias económicas do coronavirus desde unha posición de país: “a solución non vai vir de acordos centralistas pensados desde Madrid, temos que dar unha resposta galega”, recalcou Pontón.

200 millóns para reforzar atención primaria

No ámbito laboral, o BNG insiste en dar estabilidade e condicións laborais dignas ao persoal sanitario, e reforzar a atención primaria, a máis prexudicada pola década de recortes do PP, máxime agora que se pretende que asuma unha responsabilidade directa na loita contra o virus. Por exemplo, serán os centros de atención primaria os encargos de facer o test a 100.000 persoas dentro do estudo epidemiolóxico anunciado pola Xunta. Por iso, a formación nacionalista pide un plan de financiamento extra dotado de 200 millóns de euros para reforzar a atención primaria.
 

Contundente foi tamén Pontón á hora de denunciar a “anomalía democrática” que supón o secuestro do Parlamento por parte do PP, impedindo o control do Executivo e a presentación de medidas de impulso, precisamente cando máis se necesita.

Confinamento democrático

“Galiza vive unha situación de confinamento democrático cun Parlamento disolto desde o 10F tras o adianto electoral”, indicou a líder nacionalista, quen deixou claro que non se trata de volver a situación anterior á disolución, pero si ter un funcionamento intenso e activo da Deputación Permanente similar ao da Cámara, permitindo o control do Executivo e o debate de propostas que axuden á superar as consecuencias da pandemia.

“Feixóo compareceu unha vez no Parlamento e 18 veces en rolda de prensa na TVG, pensamos que se ten tempo para dar 4 roldas de prensa a semana e converter a televisión pública nunha especie de aló presidente!, ben pode comparecer unha vez a semana no Parlamento, empezando por dar explicacións sobre a xestión das residencias de maiores”, salientou, antes de concluír cunhas declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, que considera definen o comportamento de Feixóo: “Nos réximes bananeiros estílase a propaganda pública en televisión para culto do líder, pero nas democracias parlamentarias as mensaxes á nación se dirixen desde os Congresos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG