BNG propón que sexa o Parlamento quen presente o recurso ante o TC por ser a AP-9 un asunto de país

  • An Pontón: “Aznar vendeu a AP9 por 1.500 M€ e agora Rajoy dinos que o rescate costa máis de 4.000, vaía negocio!”
  • Chamamento á concellos e deputacións para que presionen ao Goberno central despois de que 42 concellos se posicionaran favor da transferencia, como Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ferrol

O BNG manterá o pulso social e institucional en defensa da transferencia da AP9 como paso previo para acabar cunhas peaxes que considera unha estafa legal e depois do veto do Congreso a debater a lei galega que reclama esta autoestrada para Galiza. Un veto contra o que a formación nacionalista propón presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional desde a Cámara galega.

“Nós dicimos con claridade: O BNG vai presentar o recurso e o que nos gustaría é que fose un recurso de todo o Parlamento para, como país, defendernos do que é un agravio e unha vulneración dun dereito fundamental. Por iso, imos propoñer que se debata na Cámara e sexa un recurso co amparo de todo o Parlamento porque foi unha lei aprobada por unanimidade. O que se está e impedindo o debate como se estivéramos na pre democracia”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Nun encontro en Pontevedra con alcaldes, alcaldesas e responsables políticos, a dirixente nacionalista deixou claro que o Bloque “non vai mirar para outro lado” ante a estafa das peaxes da AP9, nin ante “a aldraxe” do veto do Congreso, ao tempo que pediu a Feijóo que saia do seu silencio e se posicione do lado de Galiza.

“Que non eluda as súas responsabilidades non acepte o rescate das ruinosas radiais madrileñas en mans de Bankia e das grandes construtoras amigas do PP. Se hai cartos para rescatar autoestradas, Galiza primeiro”, subliñou.

“Aznar vendeu a AP9 por 1.500 millóns de euros e agora o seu sucesor, o señor Rajoy, dinos que rescatala costa máis de 4.000. Vaia mal negocio fixo o PP para Galiza!”, criticou Pontón.

Por iso, “imos seguir dando a batalla política, social e institucional”, recalcou a portavoz nacional. Neste sentido, destacou que o BNG segue a dar “novos pasos” e que “nesa fronte común a favor dunha AP9 galega e sen peaxes” xa son 42 os concellos do Eixo Atlántico que subscribiron esa reivindicación aprobando mocións nos seus plenos municipais cunha reclamación moi clara, que antes de rescatar as radiais madrileñas se rescate aos galegos e as galegas dunhas peaxes que son unha estafa. Entre eles Pontevedra, A Coruña, Santiago ou Ferrol e tamén Poio, Padrón, Rianxo, Sada, Ponteareas entre outras vilas importantes do país.

ap92Chamamento de Lores

Na rolda de prensa posterior ao encontro, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un chamamento á administración local, “a todos os concellos e ás deputacións para que tomen nota da situación e fagan presión ante a Administración central que permanece xorda a unha demanda que foi aprobada polo Parlamento e por moitos concellos, tamén Pontevedra. Pero parece que aínda non lle chegou a mensaxe a Madrid”.

Ante esa xordeira, Lores propón “seguir facendo campaña” para que se tomen decisións e acabar coa estafa que afecta a 20.000 galegos e galegas cada día pagando as peaxes da AP9, “absolutamente amortizada”. “Polo tanto, un chamamento para que se presione e se faga chegar ao Goberno central que non imos pagar 40 anos máis por unha mobilidade fundamental para persoas e empresas e, ademais, sufrindo un agravio con outros territorios do Estado”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG