O BNG propón prorrogar os contratos do persoal investigador afectado pola incompetencia da Xunta

Pontón pide a Feixóo rectificar o “disparate” de inducir a marchar fora a investigador@s que apostaron por desenvolver o seu talento en Galiza

Pide medidas para evitar que a maternidade prexudique a carreira profesional das mulleres, tamén no caso de baixas por paternidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil, mantiveron un encontro cunha representación dos e das 34 investigadoras abocadas a ir ao paro polo retraso da Xunta na convocatoria para concorrer á renovación da bolsas que neste momento lles permiten facer o seu labor investigador en algunha das tres universidades galegas.

Para resolver esta situación concreta, o BNG apoia a medida que reclaman as persoas afectadas de prorrogar a súa situación laboral cun contrato ponte ate a resolución da convocatoria, unha alternativa que só require “vontade política” e que xa se ten posto en práctica en situacións similares.

“A xunta ten que avaliar o disparate de que esteamos asistindo ao feito de que hai un programa que deber servir para estabilizar persoal investigador, para que siga na universidade pero, de maneira indirecta, o están inducindo a marchar fora”, salientou a portavoz nacional, “a  solución é doada e xa se ten adoptado noutros casos como é un contrato ponte mentres non haxa unha nova resolución das axudas”.

Esta caso concreto, indicou Pontón, pon de manifesto “a precariedade na que traballa o persoal investigador e, por outro lado, a falta de visión estratéxica do Goberno de Feixóo sobre o que significa a ciencia e a investigación para un país. A Xunta ten que rectificar e frear este disparate porque non ten sentido que un programa que nace para garantir a estabilidade na carreira investigadora provoque o contrario, fomentando a precariedade en persoas formadas que son obrigadas a marchar fora xusto cando máis teñen que aportar. É e un prexuízo persoal e un prexuízo para o país”, argumentou.

Hai unha segunda cuestión neste caso que o Bloque considera moi grave e para o que pide a adopción de medidas urxentes: a discriminación que sofren as mulleres investigadores cando collen baixas por maternidade, tamén nos casos de baixas por paternidade, que son penalizadas nas condicións de acceso a bolsas e na promoción profesional.

“Non se lles pode poñer na disxuntiva de ter que elixir entre a maternidade e a carreira profesional e menos que quen o faga sexa a Xunta”, salientou Pontón, tras lembrar que fai uns meses o PP vetou no Parlamento unha proposta do Bloque para adoptar as medidas normativas oportunas para acabar con este tipo de penalización, tal  como reclama o propio colectivo investigador.

“Colisiona co sentido común e cun principio básico  que non pode ser vulnerado polo Goberno”, indicou a portavoz nacionalista, quen considera “inaceptable” que esta discriminación veña do propio Executivo galego. “Xa vemos cal é o compromiso real da Xunta nesta materia, un escándalo”, criticou.

Duplicar recursos en I+D+i

Durante a reunión cos representantes das 34 persoas investigadoras afectadas  abordárense as consecuencias de ir ao paro durante cinco ou seis meses até a resolución da nova convocatoria desta bolsa concreta: paralizar proxectos de investigación en marcha, paralizar teses que están dirixindo nas tres universidades e

impedir que podan ter docencia no primeiro trimestre do curso.

Finalmente, Pontón subliñou que non se trata este dun caso illado, senón que o actual presidente da Xunta “ten o triste mérito de situar a Galiza no vagón de cola da innovación, de tal xeito que hoxe o investimento en I+D+i é inferior ao de hai 10 anos, e estamos moi lonxe da media europea. Non podemos seguir expulsando talento, hai que facer xusto o contrario”, concluíu, “e para iso hai que acabar coa precariedade no ámbito científico, duplicar recursos en tres anos e evitar calquera discriminación por razóns de maternidade/paternidade ou en caso de enfermidade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG