O BNG propón que a pesca artesanal quede excluída de TACs para garantir a súa viabilidade

Montse Prado e Mini Rivas
Montse Prado e Mini Rivas

Montse Prado: “Exerzan o poder político para defender ao sector en lugar de deixalo abandonado cun reparto tremendamente prexudicial”

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, demanda a Xunta un cambio de modelo para garantir a viabilidade da pesca artesanal excluíndo as frotas que usan artes menores do sistema de cotas de pesca ou TACs, tal e como solicita o sector. Prado, que instou ao Goberno a seguir os pasos das Illas Feroes, instou á Xunta a impulsar un cambio de modelo para que a frota pesca quede exenta de cotas.

A deputada puxo como exemplo a pesquería da xarda, “porque o actual modelo de reparto non lle permite sacar uns ingresos razoables, cunha distribucción da cota de pesca discriminatoria. A frota galega non pode pescar pero frotas doutro territorios si, polo que é preciso un cambio de modelo”, salientou.

Unha  discriminación que ten unha contundente plasmación nos datos de reparto de cota de xarda entre as diferentes frotas.  Así, Cantabria conta unha cota do 25,7% a distribuír entre 50 embarcacións, o País Vasco acapara o 42% do reparto das capturas de xarda na campaña de 2017 con 60 embarcacións, mentres Galiza dispón dunha cota do 17,5% para un total de 90 buques.

Prado demanda da Xunta que escoite a petición do sector e “exerza o seu poder político” para que a frota que usa artes menores non estea suxeita a cotas de pesca, tras denunciar que a frota artesanal “ten moitas dificultades para ser escoitada pola consellería, que se sente abandonada porque o único que fai o Goberno galego e actuar de xendarme con esta frota e cosela a sancións”. “O sector non se sente defendidos nin protexido, ao contrario, vese acosado, perseguido e humillado, deben escoitalo”, recalcou.

A deputada fixo referencia ao papel de creación de emprego e de fixación de poboación da pesca artesanal, polo que tamén solicita un trato “equitativo e xusto” nas antípodas da situación actual cunha distribución imposto pola UE e polo Estado, “que non ten en conta as pequenas embarcacións senón que prima o  modelo de que pesque máis que máis ten”, e iso é o que hai que mudar para darlle futuro ao sector da frota artesanal, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG