O BNG propón a nacionalización de ALCOA e a posta en marcha da tarifa eléctrica galega para evitar a destrución de miles de empregos

Pontón: “Non é momento de estender o dedo para sinalar culpables senón de actuar de inmediato para darlle futuro a unha comarca e ao conxunto do País”

O Estatuto, o marco constitucional e europeo permiten unha intervención pública que xa están facendo países como Italia ou Alemaña nacionalizando empresas

A líder do Bloque pide a comparecencia urxente de Feixóo no Parlamento

Pendentes da reunión entre dirección e comité de empresa, en relación ao despido de 500 traballador@s na factoría de ALCOA, o BNG reacciona con urxencia poñendo sobre a mesa dúas propostas para evitar o peche da factoría, a morte de toda unha comarca e un golpe devastador para o sector industrial do país: nacionalización da factoría e tarifa eléctrica galega.

“Propoñemos a intervención pública da empresa, nacionalizar ALCOA para evitar o seu peche e manter a produción e o emprego”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras modificar a súa axenda para abordar este asunto capital para Galiza. A líder nacionalista subliñou que a factoría de San Cibrao xa foi unha empresa pública, polo tanto sería facer un camiño inverso, e destacou que a nacionalización de empresas é algo que están facendo os países do entorno europeo como Italia, -precisamente no sector de aluminio-, ou Alemaña onde, coa chanceler Angela Merkel á fronte, se nacionaliza de facto nada menos que a compañía aérea Lufthansa.

“Non podemos permitir que se peche a factoría de ALCOA na Mariña porque iso implica soterrar unha comarca enteira e hai que poñer en marcha toda a presión institucional e social para garantir o futuro do emprego, porque nun momento de crise como o actual é máis relevante que nunca preservar os postos de traballo. Galiza non pode seguir vendo como se desmantela o sector industrial ante a pasividade do Goberno central como da Xunta, nin esta pode ser a primeira nova da desescalada”, recalcou Pontón.

A nacionalización, explicou, reúne todos os requisitos desde o punto de vista legal, porque conta co amparo do Estatuto de Autonomía, do marco constitucional e tamén da normativa europea, polo que “estamos falando dunha cuestión de vontade política para manter viva unha comarca”, alegou a candidata nacionalista á Presidencia. O BNG tamén considera que a intervención pública debe aplicarse á antiga ALCOA na Coruña, hoxe en mans dun fondo especulativo.

“Na Coruña tamén hai unha situación moi preocupante pola operación de compra-venda da fábrica avalada polo Goberno central e pola Xunta pero que está chea de incertezas e que require unha auditoría. e debe igualmente ser obxecto de intervención pública para a súa nacionalización se fose necesario para garantir o seu futuro”, explicou.

Mudar o marco enerxético

A segunda proposta que formula o Bloque pasa por mudar o marco enerxético tendo en conta que Galiza é produtora neta de electricidade. “Resulta un disparate que poda pechar unha fábrica precisamente polo custe da enerxía nun país que exporta electricidade, por iso é máis urxente que nunca poñer en marcha unha tarifa eléctrica galega cun status especial para as industrias electrointensivas”, sinalou, unha tarifa que lle permita a Galiza beneficiarse da súa riqueza para producir.

Pontón tamén avanzou que a formación nacionalista vai pedir a comparecencia inmediata do presidente da Xunta ante a Deputación Permanente do Parlamento, “porque estamos ante unha autentica emerxencia”. A líder do BNG reclamou unha acción política urxente e contundente para salvar a produción e o emprego nestas factorías, porque cando está en xogo o futuro dunha comarca e cando a desertización industrial do país non deixa de avanzar non é momento de xogar ao pim-pam-pum con Galiza.

Pim-pam-pum inútil

“É necesario pasar da inacción á defensa do emprego e do futuro da comarca e do país. Veremos ao PP botarlle a culpa ao PSOE e a este sinalar co dedo ao PP, un pim-pam-pum inútil, porque é evidente que uns e outros teñen responsabilidade. Pero nun momento no que o futuro dunha comarca está en xogo, cando están en xogo miles de empregos en Galiza non vale de nada sinalar aos culpables, o que hai que facer é buscar solucións”, recalcou, porque “tanto o Estado como a Xunta deben facerse coas accións da empresa e, desde aí, buscar unha solución de futuro que pasa por seguir fabricando aluminio no país”, sintetizou Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG