O BNG propón incluír o Pastor como obxecto de investigación da Comisión parlamentaria das caixas

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón a Feijóo: “Non é un problema de falta de competencias, senón da incompetencia de quen non exerce como presidente dun país”

Pedirlle “sensibilidade” á banca e como poñer ao lobo a coidar das ovellas, ironizou, tras avanzar que solicita a comparecencia en pleno do xefe do Executivo

O BNG vai propoñer aos restantes grupos da Cámara ampliar o obxecto da comisión parlamentaria de investigación da caixas de aforro para incluír a desaparición do Banco Pastor e, ademais, solicitará na reunión da Xunta de Portavoces a comparecencia no próximo pleno do presidente galego para dar explicacións sobre o que cualificou como “nova estafa bancaria”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou ao xefe do Executivo de “cómplice necesario” de Galiza perdese o seu sistema financeiro propio. “É lamentable ter que dicir que Feijóo non precisou máis de oito anos para liquidar o sistema financeiro galego ao executar ao dedillo a estratexia de centralización e concentración da banca deseñada polo PP e polo PSOE, que resulta tan prexudicial para o tecido empresarial e para os consumidores e consumidoras”.

Neste sentido, a dirixente do Bloque replícalle ao presidente da Xunta “que non é un problema de falta de competencias, é un problema de incompentencia de quen se nega a exercer como presidente deste país”, dixo, tras cualificar de “indignante” que, tras a extinción dun banco galego centenario, “se limite a pedir sensibilidade ao Banco Santander, cando pedirlle sensibilidade á banca é como poñer ao lobo a coidar das ovellas”.

Por contra, o Bloque vai esixir responsabilidades políticas ante esta nova modalidade de estafa bancaria, “que non pode saldarse con bágoas de crocodilo no Consello da Xunta”, dixo Pontón, pois están en xogo miles de postos de traballo e hai miles de galegos e de galegas que perderon todos os seu aforros coa liquidación do Pastor.

A dirixente do Bloque avanzou que pedirá a comparecencia de Feijóo no próximo pleno ademais de propoñer esa ampliación do obxecto de investigación da comisión das caixas de aforro para incluír a liquidación do Pastor e as súas repercusións. “Outra vez volveron fallar todos os controis do Banco de España, da CNMV, e do goberno central e galegos e temos a obriga de esixir responsabilidades en sede parlamentaria”, alegou Pontón, quen instou a Feijóo a poñerse do lado dos e das afectadas.

“O presidente da Xunta ten que reclamar do Santander o mantemento do emprego, da rede de oficinas e do compromiso crediticio coas familias e coas empresas galegas”, indicou.

“A única que sae ganando con esta nova estafa e Ana Patricia Botín”, mentres que as consecuencias da liquidación do Popular e do Pastor son “tremendamente negativas” porque están en risco miles de empregos, “avánzase na consumación do espolio do aforro do país”, xera un problema de acceso aos servizos bancarias, “en particular no rural e nos concellos pequenos” e deixase un regueiro de miles de persoas estafadas que perderon os seus aforros.

Entre as interrogantes, o Bloque pregúntase como foi posible que se permitise a venda do Pastor a unha entidade que estaba na ruína, e como foi posible tamén que se dese luz verde a ampliacións de capital que supoñía vender accións de un banco sen valor que atraparon a moitos pequenos aforradores, entre eles traballadores e traballadoras do propio Pastor.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG