O BNG propón que unha delegación de eurodeputadas visiten os ríos galegos para comprobar o seu saneamento

Conferencia Auga
Conferencia Auga

Ana Miranda subliña que resulta indispensable realizar unha análise global da auga en Galiza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, propuxo esta tarde que o Parlamento Europeo leve a cabo, na seguinte lexislatura, unha nova visita a Galiza para comprobar o estado do saneamento da auga en Galiza, pero en este caso, facendo un percorrido polos ríos galegos. Salientouno ao longo da xornada “O acceso á auga como dereito: Aplicación da normativa e execución dos fondos”, que o BNG organizou hoxe na Eurocámara.

Segundo explicou a eurodeputada galega, esta sería a segunda fase da visita que unha delegación de eurodeputados e eurodeputadas realizaron a Galiza no ano 2013 a través da Comisión de Peticións da Eurocámara para analizar a situación das rías galegas. Asegurou, asemade, que resulta imprescindible recoller as demandas e suxestións das plataformas medioambientais galegas que en Bruxelas explicaron polo miúdo os problemas tanto das rías como de ríos como o Támega, o Umia, entre outros.

Ademais de expoñer as situación concretas de cada zonas, os representantes das diversas plataformas galegas participantes na xornada de traballo, como Ríos Limpos, Auga Limpa xa!; Salvemos o Támega; Pladever, Contra a Ampliación da EDAR dos Praceres; en Defensa da Ría de Vigo CIES; e Polo saneamento integral da Ria do Burgo, propuxeron a celebración dun encontro destas entidades no Día Mundial do Medio Ambiente 2019 (no mes de xuño). O seu obxectivo radica en afondar as cuestións abordadas hoxe a fin de seguir facendo a presión suficiente que permita a rexeneración do medio.

Igualmente fixeron os representantes locais do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña; Culleredo, Antonio Chouciño; Cee, Serxio Domínguez; Ames, David Santomil; Viveiro, Severino Salgueiro; e Verín, Diego Lourenzo,  quen explicaron a situación das súas vilas no tocante ao saneamento e a construción das infraestruturas. 

“Para o BNG a acceso á auga e o seu saneamento é dos dereitos fundamentais e desde esta perspectiva organizamos esta xornada de traballo”, salietnou Ana Miranda, quen lembrou que esta xornada deu continuidade á sesión da Comisión de Peticións -da que é titular- do pasado 21 de xaneiro na que se defendeu a necesidade de seguir tratando os problemas que persisten na ría de Vigo e, sobre todo, na ría do Burgo.

Perspectiva europea 

Ademais dos problemas específicos de Galiza, a conferencia tamén contou coa perspectiva europea da man das intervencións de Pablo Sánchez Centellas, da Iniciativa Cidadá Europea polo dereito a auga (European Public Service Union), Veronica Mandredi, Directora para a calidade de vida (da Dirección Xeral Medio Ambiente da  Comisión Europea, DX ENVI); Paul Brotherton, de Living Rivers Coallition; Peter Gammelthof, Consultor experto en auga, ex director da Dirección Xeral ENVI; e Ruth Pérez, da Fundación da Nova Cultura da Auga.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG