O BNG propón un concurso público para elixir dirección CRTVG agora secuestrada polo PP

Ana Pontón tilda de “fraude democrática” a manipulación e a presión do PP sobre os e as traballadoras, que ten provocado dimisións por primeira vez en 30 anos

Ter uns medios públicos veraces e plurais é clave para ter unha sociedade libre e crítica, ademais dun dereito fundamental que o PP incumpre coa manipulación sistemática que exerce sobre a radio e a televisión de Galiza, convertidos nun aparato de propaganda ao servizo do partido e do Goberno de Feixóo.

“Día tras día temos exemplos de manipulación informativa na televisión e na radio públicas, literalmente secuestradas e convertidas en aparato de propaganda do PP,  moi particularmente convertidas nunha especie de botafumeiro 4.0 a maior gloria do presidente da Xunta”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control parlamentaria ao xefe do Executivo.

Pontón responsabilizou a Feixóo de transformar a RTVG “no cortijo do PP” que os galegos e galegas sufragan con 100M€ cada ano, situación que os e as traballadoras “son as primeiras en denunciar cada venres vestindo de negro” contra a manipulación e a presión sobre @s profesionais. Esta manipulación ten provocado a dimisión dun presentador e dunha presentadora dos informativos da televisión pública, un feito sen precedentes en 33 anos de emisións.

Para mudar unha situación que é ilegal e que vulnera a función de servizo público do ente, a dirixente do Bloque fixo unha proposta “para acabar cos nomeamentos a dedo na dirección da corporación da radio e da televisión de Galiza”.

“Propoñemos pactar neste Parlamento un concurso público para designar á dirección da CRTVG baixo criterios de profesionalidade e independencia”, explicou Pontón, quen tamén reclamou a reforma da lei dos medios públicos para reforzar a independencia, con compromiso de aprobala con maioría reforzada, a inmediata posta en marcha dos consellos de redacción e a aprobación do Estatuto profesional.

Unha proposta para “devolver o mando dos medios públicos aos galegos e as galegas” e poñer fin a unha RTVG instalada “nunha realidade paralela, construída á medida da propaganda do PP,  que dá unha visión desfasada e folclórica deste país”. De feito, subliñou Pontón, “a Galiza de hoxe vai moitos anos por diante da imaxe que transmite a TVG do señor Feixóo”.

Gürtel e os 40 ladróns

Como evidencias da manipulación, a portavoz do BNG denunciou o “apagón informativo” nas cidades suprimindo os informativos locais da radio pública, como antes se fixera cos da televisión, a dimisión  dun presentador e dunha presentadora do telexornal, a condena á dirección da CRTVG, -“nomeada a dedo polo presidente da Xunta”-, por vulnerar o dereito á folga dunha traballadora o 8 de Marzo, ou as instrucións para minimizar as informacións críticas co PP.

“Parécelle presentable que esa dirección que nomeou a dedo ordene que a sentenza da Gürtell non dure máis de 40 segundos no telexornal?”, interpelou Pontón, “cal é lóxica que está detrás dos 40 segundos? É en homenaxe aos 40 días do diluvio universal,  aos 40 días que pasou Xesús no deserto? Ou é que algo no subconsciente fixo click e asociou  PP e  Gürtell con Alí babá e os 40 ladróns?”, ironizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG