O BNG presenta unha modificación dos orzamentos para destinar 234M de euros adicionais á atención primaria

Visita ao CHUO
Visita ao CHUO

Ana Pontón pide un seguimento masivo da manifestación do 4 de febreiro para frear a contrarreforma sanitaria do PP, que ten a sanidade “en estado de shock”

O BNG rexistrou no Parlamento unha modificación dos orzamentos de 2018 para destinar 234 millóns de euros adicionais a financiar a atención primaria, porta de entrada ao sistema público de saúde pero sometida a continuos recortes por parte do PP provocando un deterioro alarmante da atención sanitaria que está detrás tamén dos colapsos das últimas semanas nos servizos de urxencias dos hospitais galegos.

“O BNG moveu ficha poñendo unha alternativa sobre a mesa”, anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde mantivo un encontro coa xunta de persoal. A través dunha proposición de lei de modificación das contas deste exercicio, a formación nacionalista propón sufragar un plan de plan de contratación de persoal e a dotación de máis medios para a atención primaria.

“É unha cuestión clave que se soluciona con vontade política, con máis medios e recursos, pero non cun Goberno que cando a cidadanía enferma lle pide que non acuda aos hospitais, iso é unha falta de respecto”, denunciou Pontón. Por contra, “o que se necesita é que os hospitais estean ben dotados e que non haxa listas de espera en atención primaria, por iso no BNG agardamos que haxa receptividade do PP no debate desta proposta no Parlamento, en lugar do portazo que habitualmente lle da Feixóo  a todas as propostas que presentamos”.

Pontón aproveitou para instar a unha participación masiva na manifestación prevista o 4 de febreiro en Santiago de Compostela, “como xa fixo a cidadanía de Ourense con manifestacións masivas nos últimos días ante os recortes e privatizacións”, recalcou, “agora é importante que unamos a voz de todos os galegos e galegas nesa manifestación” e reclamar á Xunta o fin dos recortes e da privatización aos que quere dar outra volta de torca coa “contrarreforma sanitaria” que pretende aprobar no vindeiro pleno.

“A sanidade pública está en estado de shock non pola gripe senón polo virus dos recortes do PP e de Feixóo”, denunciou, “por iso a manifestación do vindeiro domingo é a mellor contestación ao progresivo desmantelamento da sanidade pública que se fai con recortes e con leis regresivas, o único no que o PP ten unha nota alta”, ironizou.

A dirixente do Bloque advertiu que son as persoas as que pagan as consecuencias dos recortes e das privatizacións, “e podemos dicir con claridade que os recortes matan e que houbo moitos doentes que non tiveron a atención necesaria por culpa dos recortes. Basta xa, porque a saúde é o máis valioso e non se pode converter nun negocio privado como está empeñado en facer o presidente da Xunta”, concluíu.

Pontón, xunto coa deputada por Ourense, Noa Presas, e de responsables locais do BNG  mantiveron un encontro coa xunta de persoal do CHUO e tamén cos e coas traballadoras do privatizado servizo de limpeza e do servizo de mantemento, parcialmente privatizado, para escoitar de primeira man as súas denuncias sobre o deterioro asistencial no Hospital de Ourense coa conivencia da Xerencia e do SERGAS.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG