O BNG presenta unha lei para destinar, de xeito inmediato, 273,3 millóns de euros á atención primaria

Montse Prado pide ao Goberno do PP “vontade” para rectificar a política sanitaria, tras dez anos de continuos recortes

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha  proposta de Lei co fin de   modificar os orzamentos de Galiza do ano 2019 para  incrementar os recursos na  Atención Primaria e reverter os recortes do Partido popular.

A lei  introduce as medidas de reforzo da sanidade pública galega mediante o incremento do gasto sanitario en Atención primaria, “porta da sanidade pública” nunha contía de “273,3 millóns de euros”.  

A nova lei  inclúe  modificacións no IRPF e  Imposto de Patrimonio, de xeito que se introduce maior progresividade na escala autonómica do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas, mentres que no Imposto de Patrimonio establécese o mínimo en 300.000 euros. Por outra parte, a lei  impulsa  novos tributos ás Grandes Superficies Comerciais, un Imposto para as  bebidas con exceso de azucre, un Imposto sobre vivendas baleira e outro Imposto Medioambiental sobre as Redes de Transporte de Enerxía Eléctrica de Alta Tensión.

A parlamentaria do BNG lembrou que dende o 2009, a sanidade publica en Galiza soportou  un recorte acumulado de “2.194 millóns de euros”  e no ano 2019 o orzamento para Atención Primaria contempla un recorte de 188 millóns de euros, recortes que incidiron negativamente na calidade asistencial por falta de recursos humanos, medios, materiais e infraestruturas.

Prado manifestou que entre as preocupacións dos galegos e galegas figura, en segundo lugar, a situación sanitaria como reflexa a sondaxe realizada polo xornal Faro de Vigo e recordou que hai cinco anos ese lugar estaba ocupado pola corrupción, “especialmente á do Partido popular”.

A deputada fixo fincapé no 40% dos cupos masificados e profesionais que superan as 2.000 ou 2.500 tarxetas en Atención primaria. Cada día, explicou Prado, nos centros de saúde hai carteis indicando que “o seu médico ou médica hoxe non pasa consulta” en protesta polos recortes ao que sumou o tempo das listas de espera e unha  situación precaria  que se estende ao resto das categorías da Atención primaria como en enfermería con cupos de 4.000 doentes, falta de atención á saúde das mulleres con matronas insuficientes ao igual que facultativos en odontoloxía, fisioterapia, e saúde mental.

A falta de persoal nos centros de saúde dificulta gravemente a atención sanitaria polo que pediu ao goberno que rectifique o rumbo da política sanitaria e non tente tapar o deterioro da sanidade con anuncios baldeiros e “ operacións cosméticas e de propaganda de investimento do superávit”. Neste sentido, criticou que a previsión da Xunta é investir en Atención primaria 16 millóns de euros en tecnoloxía cando a realidade o que debe ser atendida  é a falta de recursos humanos e medios.

PROPOSTA DO BNG PARA MELLORAR A ATENCIÓN PRIMARIA

A Lei do BNG, reiterou  a deputada, propón “un incremento inmediato de 273,3 millóns de euros para o ano 2019”. Para acadar este obxectivo é preciso unha modificación dos orzamentos introducindo cambios tributarios e de gastos nos orzamentos do 2019. “Co cambio na tributación obteríamos 185 millóns de euros e coa modificación do estado de gastos 88 millóns de euros”.

Finalmente, Prado afirmou que para introducir melloras na Atención primaria só é preciso “vontade política” e non "o pírrico investimento do Partido popular.

Na votación, o Partido popular impediu  á toma en consideración da Lei defendida hoxe pola deputada do BNG, Montse Prado polo que o texto lexislativo non iniciará o proceso parlamentario para o seu debate e posterior aprobación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG