Parlamento Galego

O BNG preguntará a Feixóo polo envío de cartas ao goberno central e a súa pretensión de facer de oposición ao goberno do Estado

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado afirma que detrás das cartas, o  Presidente da Xunta pretende ocultar “o triste balance” de xestión política durante dez anos

Na vindeira sesión plenaria, o BNG preguntará ao presidente Núñez Feixóo polas cartas enviadas aos ministros e ministras. Para a viceportavoz do BNG, Montse Prado, as cartas ocultan o “triste balance” da xestión de máis dunha década como presidente da Xunta. Unha década, dixo, de “servilismo” ao Estado español e instalado nunha política de aparencia e  realidade paralela á de miles de galegos e galegas.

A viceportavoz parlamentaria acusou ao goberno galego de non facer fronte á crise industrial xeralizada que afecta a gran número de comarcas, de  Norte a Sur de Galiza, á  situación laboral caracterizada pola precariedade así como   a ausencia de competencias transferidas. Agora, engadiu, Feixóo pretende facer oposición do goberno español.

Dende o BNG, explicou Prado, a situación de crise en Galiza non se resolve cunha actividade epistolar como a iniciada por Feixóo, defendendo unha axenda galega da que sempre careceu e poñendo deberes aos demais mentres el segue sen exercer as súa responsabilidades  de presidente.  

Por outra parte, o BNG tamén defenderá no vindeiro pleno unha moción para reclamar medidas urxentes contra os colapsos nos servizos de urxencias. A xuízo da deputada, todas as iniciativas do Partido popular “empurran ao precipicio á sanidade pública” como aconteceu co peche da sala de partos de Verín. Existen alternativas e a reapertura da sala de partos é un claro exemplo. Si hai recursos é posible outra sanidade pública pero é necesario que exista vontade política, recalcou. As urxencias sanitarias non poden ser atendidas de maneira precaria e a sociedade ten dereito a seren atendida en condicións dignas.

O BNG levará ao pleno unha proposición non de lei contra a proposta de VOX, apoiada polo Partido popular e Ciudadanos, para ilegalizar aqueles partidos que discrepen do actual modelo de estado. A deriva reaccionaria e os discursos xenófobos, machistas e clasistas reclaman unha resposta e neste sentido, asegurou a nacionalista, o Parlamento galego debe pronunciarse porque estamos nun momento de “involución democrática” que pon en risco  moitos dereitos fundamentais e liberdades públicas. “Si calamos” remarcou, estaremos lexitimando un discurso que busca restar dereitos do alumnado dunha  educación baseada en principios democráticos e igualitarios. Neste sentido, Prado mostrou a súa confianza en que a iniciativa do BNG acade o apoio maioritario das forzas parlamentarias.

Ademais, o BNG defenderá outra proposición non de lei para demandar solucións para os estaleiros de Barreras e Vulcano en Vigo porque é  preciso que o goberno galego actúe e unha propostas para que o goberno medie  na empresa Isidro 1952 para garantir a actividade e o mantemento de  máis de 200 postos de  traballo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG