Imprimir

O BNG pide á Xunta que presente demanda contra os Franco para reclamar as esculturas do Mestre Mateo á vista das novas probas

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 15 de setembro de 2020

Ana Pontón e Goretti Sanmartín
Ana Pontón e Goretti Sanmartín

Tamén propón a inmobilización de todos os bens do Pazo de Meirás para evitar argucias que dificulten a recuperación do patrimonio roubado

Pontón ve “neofranquismo” na petición de VOX de ilegalización do BNG

 

O BNG demanda da Xunta que presente a súa propia demanda xudicial para solicitar a devolución das esculturas do Mestre Mateo do Concello de Santiago espoliadas pola familia Franco, á vista da aparición de novas probas e documentación inédita que tira por terra os argumentos dos herdeiros do franquismo para reter as estatuas.

“Levamos moito tempo reclamando que se poña fin aos privilexios do franquismo e que se nos devolvan os bens espoliados e a sentenza de devolución do Pazo de Meirás abre unha porta á esperanza porque por primeira vez un xulgado recoñece o modus operandi dos Franco para apropiarse de bens do pobo galego, e hai outros que se confiscaron coas mesmas argucias como foron as esculturas do Mestre Mateo do concello”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Como sociedade galega, alega a líder do Bloque, “debemos darlle un novo impulso á recuperación destas estatuas porque forman parte do noso patrimonio e non podemos permitir a impunidade do franquismo e todas as administracións temos a obriga de traballar para recuperalas”.

Nese sentido, anunciou, “o Bloque vai levar ao concello de Santiago e ao Parlamento sendas iniciativas reclamando da Xunta que presente unha demanda xudicial aportando a nova documentación para estas estatuas, porque sería unha burla que seguiran en mans dos herdeiros de Franco e unha impunidade que non se pode permitir”.

Hai novas probas que así o confirman, explica Pontón, “e entendemos que hai unha vía para poder utilizalas ante a xustiza que pasa porque que a Xunta presente unha demanda reclamando a devolución destas dúas esculturas do Pórtico da Gloria. Iso permitiría abrir outra oportunidade para que o proceso xudicial acabe en bo porto”.

O BNG insiste na reclamación deste patrimonio espoliado, pendente de recurso de casación, tras aparecer a documentación do investigador de Francisco Prado-Vilar que tira por terra os argumentos dos herdeiros do ditador e que aportan novas probas a favor do concello de Santiago.

“Esa documentación inédita demostra o intento de fraude e de engano e debe poder ser utilizada”, alega a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, quen tamén avoga “pola colaboración entre institucións para argumentar con máis solidez que as dúas estatuas podan volver ao patrimonio público, neste caso do concello de Santiago, de onde nunca deberon marchar. Que todas as institucións remen xuntas e esta sería outra vía para recuperar as esculturas”.

Igualmente, o Bloque reclama que se inmobilicen todos os bens que están no Pazo de Meirás incluídas as estatuas, para evitar que os Franco apliquen ningún tipo de argucia para sacar as dúas obras de Galiza e dificultar o proceso de recuperación. “É unha cuestión na que a Xunta debe actuar con dilixencia porque o tempo é un factor moi relevante neste tipo de situación”, indica Pontón.

Para a líder nacionalista, urxe rematar cos privilexios do franquismo “cando estamos vendo como hoxe mesmo no Congreso a extrema dereita está a pedir a ilegalización de forzas políticas democráticas como o BNG e iso non deixa de ser un exemplo de neofranquismo que pretende revivir ideas antidemocráticas e que é a mesma ideoloxía que ampara que bens espoliados polo franquismo como estas estatuas segan en mans dos herdeiros”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-xunta-presente-demanda-franco-reclamar-esculturas-do-mestre-mateo-vista-das-novas-probas/20200915133505028067.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr