O BNG pide á Xunta un plan estratéxico específico para defender Galiza na negociación da PAC

Ana Miranda, Ana Pontón e Manuel Dacal
Ana Miranda, Ana Pontón e Manuel Dacal

Propón mecanismos para garantir as rendas agrarias e vincular as axudas directas á produción en lugar de ás hectáreas da explotación. Aposta por ter voz propia nos foros europeos de debate

O  BNG insta á Xunta a definir un Plan estratéxico específico para defender Galiza na negociación da Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2027, que nas próximas semanas ten unha votación importante na Eurocámara co debate das emendas dos grupos parlamentarios.

Ademais desta proposta, a eurodeputada Ana Miranda defende un paquete de medidas destinadas a conseguir estabilidade nas rendas agrarias e un reparto das axudas directas que beneficie sobre aos produtores con independencia das hectáreas da explotación, de tal xeito que o sector mesmo vería con bos ollos limitar as subvencións directas as explotacións que non superasen as 20 hectáreas. “En Galiza case todas están por debaixo desa extensión”, salientou o coordinador de FRUGA, Manuel Dacal.

Miranda alertou contra a inacción política da Xunta “diante dunha reforma que afecta profundamente á estrutura agraria do país, á produtividade, ao desenvolvemento rural, a soberanía alimentar e ao nivel de renda dos produtores e produtoras agroganderias”, explicou Miranda.

Tanto o BNG como a FRUGA coincidiron en salientar que a PAC “fracasou” no obxectivo de evitar un desmantelamento progresivo do sector. De feito, en Galiza desapareceron 90.000 explotacións en vinte anos, e tampouco logrou frear a desertización do rural galego. Entre as críticas á PAC, as medidas que afectan ao sector vitivinícola, tras coñecer que a UE pretende autorizar a plantación de viñas híbridas, o que supón unha ameza para as denominacións de orixe e volver a un viticultura na que se apostaba pola cantidade e non pola calidade, como hai décadas.

A portavoz nacional, Ana Pontón,  insistiu na necesidade de apostar polo peche dos ciclos produtivos na produción alimentaria, por establecer mecanismos públicos de control dos prezos “para evitar a especulación dos prezos impedindo que os elos máis febles da cadea, os produtores e produtoras, reciban a peor parte”. A dirixente do Bloque reclamou voz directa de Galiza nos foros europeos para defender os intereses do sector agrogandeiro, garantir rendas agrarias, a soberanía alimentaria e corrixir os desequilibrios no reparto das axudas.

Pontón destacou a aposta do Bloque polos mercados de proximidade, “con axudas específicas para as e os produtores que se sumen a esta modalidade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG