O BNG pide á Xunta que medie ante o Banco Santander para que manteña a marca do Banco Pastor na Galiza

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas alega que é a única maneira de preservar o emprego e un servizo bancario no medio rural

Demanda que o Instituto Galego de Consumo asesore ás persoas accionistas estafadas no proceso de venda por 1€ ao  Santander

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, defendeu unha proposición de lei para reclamarlle ao Goberno de Feixóo que defenda os intereses de Galiza e medie ante o Banco Santander para evitar a liquidación da marca do Banco Pastor, pois implicaría a desaparición de centos de postos de traballo, prexudica aos clientes e afonda na perda da capacidade financeira do noso país.

“Polo prezo dun café, o Santander comprou o Banco Popular, que previamente absorbera o Pastor, adquisición favorecida por unha caída bursátil con moitas sombras”, salientou Presas, “un proceso opaco no que aínda está pendente de investigar o papel dos supervisores”. A deputada nacionalista reprochou a “desidia” da Xunta ante unha cuestión de país “pois non adoptou nin unha soa medida para minimizar as consecuencias da compra en termos de emprego, no acceso ao crédito ou no consumo”.

De aí a iniciativa parlamentaria do BNG, reclamando a implicación do Executivo de Feixóo para evitar a desaparición da marca Pastor, “porque ata agora nada fixeron máis aló de conversas de corredor entre Feixóo e a señora Botín”, criticou. “A Xunta debe realizar todas as actuacións de mediación precisas de cara ao mantemento do emprego, que xa soportaron varios EREs, e estamos falando de arredor de 2.300 postos de traballo entre o persoal do Popular, Pastor e Santander, son moitas familias”, indicou.

A supresión da marca Pastor tamén implicaría o peche de oficinas agravando a exclusión financeira na poboación rural, pois esta entidade ten unha importante presencia e unha vinculación co territorio que non teñen outras entidades e o peche  afondaría na vulnerabilidade diante dos abusos bancarios: “Menos oficinas implica menos oferta e condicións máis abusivas”, recalcou.

Presas tamén fixo referencia á inacción da Xunta ante aos 50.000 accionistas estafados que perderon todo no proceso de venda do Pastor por 1€, e propuxo “desenvolver un programa de reforzo do Instituto Galego de Consumo que cree puntos de referencia específicos para tramitar as casuísticas desta entidade”.

Finalmente, a deputada do Bloque salientou no debate o feito de que a liquidación definitiva do Pastor incrementará a dificultade das PEMES para acceder ao crédito “pois perden unha porta á que chamar”, ao igual que as familias e os particulares. “Unha mala nova agravada pola mala evolución dos créditos e depósitos en Galiza, territorio no que o crédito caeu con máis intensidade desde 2009, coa peor relación entre créditos e depósitos”.

Coa liquidación desta entidade centenaria no país, Galiza perde aínda máis músculo financeiro con graves impactos para as e os clientes, para os traballadores e traballadoras e para o tecido económico, concluíu Presas, tras coñecer o veto do PP a iniciativa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG