O BNG pide á Xunta que interveña ante o traslado de material de Ferroatlántica de Cee a Santander

Noa Presas e Luís Bará
Noa Presas e Luís Bará

Presas salienta a solidariedade cos e coas traballadoras mobilizadas ante esta “deslocalización encuberta” de Villar Mir

Demanda a Feixóo que deixe de mirar para outro lado e lembra a explotación en concesión das centrais do Río Xallas a cambio de manter o emprego

O BNG traslada a súa solidariedade os traballadores e ás traballadoras de Ferroatlántica que hoxe mesmo protestan no Porto de Brens en Cee pola última decisión do empresario Villar Mir, “que ven de pechar dous fornos no primeiro semestre de 2019 e que está trasladando materia prima fundamental para o funcionamento das  plantas galegas a Santander  nunha deslocalización encuberta que non ten ningún tipo de xustificación obxectiva”, denuncia a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.

“O Bloque insta á Xunta a que espabile, que se implique nesta situación e que lle lembre a Villar Mir que ten unha concesión de explotación das centrais sobre o río Xallas que non é a cambio de nada, senón a cambio de manter a actividade e os postos de traballo. E se se incumpre o que di esa concesión será o momento de sentarse a esixirlle que o faga e, senón, anunciar a reversión destas concesións”, argumenta Presas.

A formación nacionalista xa ten rexistrado unha serie de iniciativas parlamentarias en solidariedade co cadro de persoal, e demanda ao Goberno de Feixóo “que deixe de mirar cara outro lado e que se preocupe por unha cuestión fundamental nun momento no que estamos vendo como perigan moitos polos industriais no noso país como é o caso de Alcoa”, conclúe Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG