O BNG pide á Xunta que interveña para atallar a contaminación do encoro da Baxe no río Umia

Encoro de Caldas de Reis (Foto: JDrone)
Encoro de Caldas de Reis (Foto: JDrone)

Luís Bará demanda seguimento, control, prevención e erradicación dunha que supón un risco para a saúde humana e para o medio ambiente e pide que non se oculte nin se negue o problema

O deputado por Pontevedra, Luís Bará, demandou á Xunta que tome as medidas necesarias para acabar coa contaminación do encoro de Baxe no río Umia e do propio río, contaminación derivada da presenza de cianobacterias e de microcistina, que supoñen un risco evidente tanto para a saúde das persoas como para o medio ambiente, pese ao empeño de negación e ocultación do Goberno do PP.

 “A situación tanto do río como do encoro son de gran preocupación para a veciñanza”, indicou Bará, ao tempo que lembrou que a construción da presa non logrou resolver problemas como o de asolagamento e, sen embargo, creou problemas novos como o da contaminación por cianobacterias. “En realidade, o obxectivo do encoro era lucrativo, de aproveitamento hidroeléctrico para unha empresa privada”, denunciou o deputado.

O deputado criticou que a Xunta estea máis preocupada en negar a contaminación que en tomar as medidas necesarias para eliminala e, neste sentido, puxo como exemplo a reunión do comité de crise de hai un mes coa titular de Medio Ambiente, Ethel Vázquez. “Mesmo chegou a afirmar que nunca se detectara a presenza de microcistina no encoro do Umia, malia a que un informe de 2013 encargado pola administración e realizado polo director da estación de hidrobioloxía da USC, Fernando Cobo, rexistrou a presenza da toxina”, indicou.

De feito, a propia Augas de Galiza ten decretado a prohibición de usos recreativos como o baño no río o pasado agosto. Igualmente, afecta aos sistemas de abastecemento de auga potable polo problema que causan as algas no proceso de potabilización. En termos ambientais, Bará tamén subliñou o risco que supón unha auga contaminada con cianobacterias para a riqueza marisqueira da Ría de Arousa.

En palabras do experto ambientalista da USC Fernando Cobo, a situación do Umia “é un asunto grave e preocupante porque é un enfermo con moitas patoloxías que debería estar en coidados intensivos”, citou Bará. “Falamos de toxinas que poden chegar ao ser humanos por vía oral, por vía dérmica, e por vía inhalatoria todas elas derivan en consecuencias para a saúde”, insistiu.

Neste contexto, e tendo en conta as medidas acordadas polo Concello de Caldas, que o Goberno galego debería secundar, alegou Bará, o Bloque pide á Xunta que leve a cabo un seguimento, control e erradicación da contaminación por cianobacterias e microcistina, que debería empezar por un estudo que analice a situación do río e do encoro e do seu potencial risco para a saúde humana e para o ecosistema.

Igualmente, o BNG demandou que o Executivo de Feixóo leve a cabo os investimentos necesarios ao tempo que pediu datos sobre os xa realizados desde o Goberno galego no Concello de Caldas así como información sobre as cantidades que ingresa anualmente en concepto de canón pola explotación hidroeléctrica do encoro. Preguntas que quedaron sen resposta por parte da responsable de Augas de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG