O BNG pide que á Xunta que se implique contra a deslocalización dos postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas reclama un compromiso da Xunta cos postos de traballo na Rúa e Petín e cualifica de “delegado de Iberdrola” ao director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces

O deputada do BNG, Noa Presas reclamou hoxe, na comisión  de Industria, un compromiso á Xunta de Galiza contra a deslocalización dos postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras.

A parlamentaria, a través dunha pregunta ao goberno, tildou de “inxustificada” a decisión da eléctrica da que dixo, “superou no ano 2018 os 3.000M€ de beneficio neto”. Un crecemento, do 7,5% que, ao seu entender, non se corresponde coa decisión da empresa de pechar as oficinas na Rúa.

Presas manifestou que a medida representa a “deslocalización” de postos de traballo no concello da Rúa e na comarca de Valdeorras, polo que os grupos do BNG e PSOE presentaron unha “moción conxunta” para impedir o traslado, ao que sumou o “desacordo” e preocupación no concello de Petín ante o anuncio da perda de emprego.

Na súa intervención, a parlamentaria do BNG explicou  que na segunda semana de abril foi coñecida a intención de Iberdrola de pechar o seu centro de control da Rúa, trasladando esas funcións a Salamanca, circunstancia que a empresa xustifica como “reorganización”. Medida, recalcou que  incidirá moi negativament nunha comarca que soporta graves problemas de despoboamento e desemprego.

Para a nacionalista, a situación é “inaceptable” porque, Iberdrola, ao igual que outras empresas enerxéticas explotan os recursos naturais galegos e esquilman os ríos e como mínimo, deben garantir os postos de traballo xerados nunha comarca marcada pola produción hidráulica dende os Saltos do Sil e cun “importante custe medioambiental”.

Presas criticou a resposta do director Xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces ao que ademais acusou de exercer como “delegado de Iberdrola”. Ante a falta de compromiso do responsable da consellería de Industria a deputada anunciou que o BNG “apoiará  todas as mobilizacións” convocadas nos concellos da Rúa, Petín e o  Barco de Valdeorras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG