Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta un fondo extra para garantir o servizo de comedor e as actividades extraescolares a todo o alumnado

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil: “Ambos son servizos clave para a conciliación familiar e laboral de miles de pais e nais que a Consellería de Educación debe facilitar”

Propón que o Goberno asuma a xestión dos comedores escolares e do servizo de madrugadores que hoxe prestan por ANPAs e concellos

Insiste en reclamar novas políticas e ideas para afrontar a crise da COVID tras coñecer a composición du novo Executivo con cambios “cosméticos”

En vésperas de que este xoves arranque o curso escolar, o BNG destaca a incerteza e a preocupación que teñen tanto as familias como o profesorado tras os continuos bandazos e improvisacións por parte do Goberno galego, que aínda a pasada semana volvía a modificar o protocolo para o inicio das aulas.

Ademais de seguir reclamando á Xunta medios económicos e humanos suficientes para afrontar con seguridade a volta aos centros, o Bloque puxo hoxe o acento na prestación de dous servizos claves para a conciliación laboral e familiar: os comedores e as actividades extraescolares, para os que formula dúas propostas.

A primeira: que a Xunta habilite un fondo extraordinario para apoiar economicamente aos concellos e ás ANPAS no servizo de comedor e nas actividades extraescolares. A segunda: que o Executivo asuma as súas competencias e a xestión directa tanto dos comedores escolares como dos madrugadores. “É competencia da Xunta, non das ANPAS nin dos concellos”, alega Rodil.

A falta de garantías da prestación do comedor e das actividades extraescolares en moitos centros está xerando dificultades engadidas ás familias á hora de planificarse, advirte o BNG, ademais de “enormes diferenzas entre o alumnado” en función de se o comedor é xestionado pola Xunta, por unha ANPA, -“algunhas mesmo decidiron non ofrecer o servizo porque non teñen capacidade nin recursos para facelo”, explica a deputada nacionalista-, ou se a xestión corre a cargo dun concello que asume o custe en solitario.

Nestes dous últimos casos as dificultades que afrontan poden derivar en que unha parte do alumnado quede sen uns servizos fundamentais para a conciliación de miles de pais e nais, de aí a proposta do Bloque do fondo extraordinario para sufragalos até que a súa xestión sexa asumida pola Consellería de Educación.

“O comedor é un recurso pedagóxico ademais dun servizo de conciliación e defendemos, mesmo antes da COVID19, que corresponde á autoridade educativa garantir o seu acceso a todo o alumnado, polo que a actitude da Xunta provoca un agravio comparativo entre o alumnado”, alerta Rodil.

“O Goberno non está a asumir as súas responsabilidades e no caso das actividades extraescolares nin ten aprobado un protocolo a catro días de comezar o curso e nin as familias nin os centros saben que medidas teñen que adoptar para poder ofrecer estas actividades”, salientou a viceportavoz parlamentaria.

Goberno continuísta e sen peso

Rodil tamén valorou a composición do novo goberno tras a publicación no DOG da súa composición. “Máis do mesmo nun momento en que se necesitan novas políticas, novas ideas e impulso para superar a enorme crise sanitaria e económica que atravesa este país”, salientou, tras cualificar de “cambios cosméticos” os experimentados nas consellerías de Educación e Sanidade, “as dúas áreas que están a provocar maior malestar social, non só agora coa xestión da pandemia, senón ao longo dos últimos anos”.

A viceportavoz parlamentaria subliñou que o importante “non son as persoas que ocupan as consellarías senón as políticas e as decisións que toman”, tras poñer como exemplo o desfile de titulares na Consellería Sanidade “pero coa mesma folla de ruta de recortes e privatizacións”.

O BNG chamou a atención sobre o feito de que Cultura volva ser un “apéndice” dentro do departamento de Educación e que Industria desapareza do nome da Vicepresidencia de Economía, “un exemplo máis do escapismo do Goberno de Feixóo que leva anos facendo coma se a Xunta non tivese responsabilidades e competencias en materia industrial, nun momento no que o sector necesita máis que nunca políticas de impulso”. En definitiva, “un goberno continuísta e sen peso político”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG