O BNG pide á Xunta que abra expediente de caducidade á mina de Touro por perigo ambiental

Ana Pontón e Mini con veciñ@s de Touro
Ana Pontón e Mini con veciñ@s de Touro

Mini acusa ao Goberno de “deixación de funcións” ante unha empresa que leva 30 anos incumprindo as condicións da concesión

O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, reclamou no Parlamento á Xunta de Galiza que abra expediente de caducidade da concesión mineira San Rafael no concello de Touro por considerar que este proxecto de megaminería supón un grave problema medio ambiental para toda a poboación da conca do Ulla e, tamén, polo incumprimento reiterado por parte da empresa explotadora das conducións da explotación.

Entre estes incumprimentos, a paralización da explotación da mina durante anos, ou a o obriga de levar a cabo un aproveitamento dos recursos mineiros de maneira compatible coa protección do medio natural e co patrimonio cultural. De feito,  desde 1988 a concesionaria abandonou a actividade mineira sen adoptar medidas de restauración e prevención, provocando graves problemas ambientais, “abandono que nunca foi penalizado nin corrixido por parte da Xunta”, denunciou Rivas.

O abandono da explotación mineira desde fai trinta anos non veu acompañada “das obrigadas actividades de protección e restauración para evitar que o deterioro da mina tivese consecuencias sobre o medio ambiente”, recalcou o deputado, “por contra, mesmo se permitiu que se usasen os terreos da mina para tratamento e acopio de residuos de terceiros, e levan décadas provocando graves problemas ambientais, sobre todo na calidade da auga”.

Rivas considera “inexplicable” a inacción da Xunta ao longo de trinta anos, cando a concesionaria tería que ter sido obxecto de varios expedientes sancionadores e, por iso, reclama a apertura dun expediente de caducidade da mina de Touro “por incumprimento das condicións da concesión, porque é unha ameaza real para toda a poboación que está na conca do Ulla e porque houbo deixación de funcións da Xunta”,  concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG