Parlamento Galego

O BNG pide usar todos os recursos da sanidade privada antes que os hospitais de campaña

Propón reorientar os orzamentos da Xunta e un fondo extraordinario para combater os efectos económicos e laborais do coronavirus

Pontón aposta por recuperar e reforzar ao autogoberno fronte a unha centralización que se ten demostrado ineficaz ante a pandemia: “cooperar si, centralizar, non”

Reitera a lealdade do Bloque co Goberno galego, “pero lealdade non é mirar para outro lado ante os erros, senón facer propostas en positivo ante a crise”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a comparecencia no Parlamento para reiterar a “lealdade” do BNG co Goberno galego para loitar contra a pandemia, pero esa “man tendida” non consiste en calar ante os erros senón en poñer sobre a mesa propostas, tanto no ámbito sanitario como económico, ao tempo que reclamou “liderado” ao Executivo de Feixóo e que deixe a inútil estratexia de “botar balóns fora”.

“Reitero a vontade do BNG de traballar, con lealdade e colaboración, para construír unha posición de país fronte a emerxencia sanitaria e social que vivimos. Debémonos aos galegos e ás galegas e por lealdade poñemos sobre a mesa de xeito construtivo as medidas necesarias para conseguir os obxectivos de salvar vidas e de salvar o tecido empresarial galego, pero lealdade non é mirar para outro lado cando as cousas se fan mal”, recalcou.

No ámbito sanitario, a líder nacionalista volveu focalizar a atención en dúas cuestións: residencias de maiores e utilización de todas as infraestruturas sanitarias, incluídas as da sanidade privada, antes de botar man de hospitais de campaña. “Ten previsto usar todas as infraestruturas sanitarias tamén as da sanidade privada antes de ir aos hospitais de campaña, garantir que non se están infrautilizando os recursos sanitarios existentes”, interpelou Pontón ao Goberno na súa comparecencia. “Hai que intervir a sanidade privada para dispoñer de todos os recursos para atallar esta crise”, recalcou.

671 camas menos

Na réplica, Pontón denunciou que hoxe hai 671 camas menos na sanidade pública tras unha década de recortes do Executivo de Feixóo: “senón se tivesen suprimido esas camas hoxe non sería necesario estar falando de hospitais de campaña”, alegou, tras pedir explicacións sobre con que persoal van contar eses hospitais de emerxencia e sobre as medidas a adoptar “para evitar que se viva a situación dramática” do hospital instado no IFEMA de Madrid. “Non está dando garantías de que os hospitais de campaña non se van utilizar mentres haxa recursos dispoñibles na sanidade privada”, recalcou Pontón tras escoitar ao vicepresidente da Xunta.

En relación á crítica situación das residencias, Pontón demandou que as familias que o soliciten poidan facerse cargo do coidado das persoas maiores libres de coronavirus nos seus domicilios, tras cualificar de “desgarrador a chamada desesperada das traballadoras da residencia de Celanova, ou as testemuñas de familias preocupadas polos seus pais e nais, que non tiñan ningunha resposta. Os maiores teñen dereito a unha asistencia digna”, recalcou, ao tempo que volveu pedir un plan de choque que inclúa test masivos, reparto masivo do material de protección necesario entre residentes e persoal e a intervención das residencias privadas “para anticiparse aos problemas”.

Falta anticipación do Goberno

Tamén apelou a esa necesaria anticipación do Goberno en relación aos centros de discapacidade para non repetir a situación dramática das residencias, á vista de que xa se rexistraron contaxios en Sarria, Redondela ou A Coruña, ao tempo que pediu atención no caso das persoas con doenzas psiquiátricas. Pontón tamén destacou o papel que están xogando concellos e deputacións na asistencia aos colectivo máis vulnerables nesta crise, e reclamou á Xunta que faga chegar máis medios á administración local.

Igualmente, considera urxente reforzar a sanidade pública e os dereitos laborais empezando por condicións dignas de traballo, garantir a igualdade na atención sanitaria a estranxeiros e emigrantes sen papeis e poñer un en marcha un plan de autoabastecemento de material como máscaras, batas, gafas, test ou respiradores.

Respostas diferenciadas

A líder nacionalista tamén puxo sobre a mesa propostas de calado económico, entre elas a dotación dun fondo extraordinario “para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da crise do coronavirus”, que debe nutrise de todos os fondos da Xunta que se podan reestructurar para esta finalidade, da captación de fondos europeos e daa parte que lle corresponda a Galiza dos 60.000 M€ do rescate que a banca debe devolver.

E no ámbito político Pontón propuxo “recuperar e fortalecer o autogoberno”. “A centralización de competencias e as receitas únicas foron ineficaces, como vimos coa centralización da sanidade, por iso pensamos que é o momento de propoñer a recuperación e reforzo do autogoberno, porque unha cousa e cooperar, e outra centralizar, porque necesitamos repostas propias ante unha crise na que non vale o café para todos. Se a afectación é diferente non uniformemos a saída e deamos respostas axeitadas á evolución do virus en Galiza”, argumentou.

TVG ao servizo do PP

A líder nacionalista lamentou que en lugar de informar en directo das comparecencias en sede Parlamentar, a TVG optase por retransmitir un programa de cociña, e que nin sequera no medio dunha pandemia a televisión pública, -que ten un custe de 100 millóns de euros - abandone o esquema de estar ao servizo do PP e de Feixóo en lugar de estar ao servizo dos e das galegas nunha situación de crise excepcional.

Pontón volveu trasladar todo o apoio do BNG ás persoas que, cada día, arriscan a súa seguridade en beneficio da maioría para atender servizos básicos como a sanidade, alimentación, transporte, limpeza, información..., en definitiva, para velar polo benestar de todos e de todas. E tivo palabras de alento para as familias que perderon algún ser querido ou para aquelas persoas que loitan contra o virus desde un centro hospitalario ou desde as casas. “Imos saír desta situación dando o mellor de nós mesmos, de nós mesmas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG