O BNG pide a retirar a Lei de Iniciativas Empresarias, porque abre a porta a proxectos como ENCE e Elnosa

Noa Presas
Noa Presas

O novo texto tamén modificará máis de dez leis para beneficiar proxectos prexudiciais para Galiza

A deputada do BNG, Noa Presas anunciou o voto en contra do grupo nacionalista á lei de iniciativas empresarias defendida hoxe polo PP afirmando que o texto modificará “discrecionalmente” moitas leis como a  da minería, o sector eólico,  a lei de augas,  a da  conservación da natureza e a lei de  solo para beneficiar proxectos industrias que non beneficiarán a Galiza. 

A parlamentaria criticou a presentación da lei da que dixo, o PP utiliza o trámite de urxencia para “aforrar informes” como o do Consello Económico e Social” que está a elaborar o estudo sobre unha alianza no sector industrial galego, algo que parece que ao PP “non lle interesa”.

Vostedes, engadiu,  baséanse nun estudo macroeconómico pero  non se esforzan en facer una  radiografía de cales son as necesidades do noso tecido produtivo e esquecen algo fundamental, “o modelo económico sempre alimenta o social” e non podemos entendelo separadamente porque de facelo, deixará atrás a moitos galegos e galegas aos que as cifras macroeconómicas non sacarán da precariedade.

A parlamentaria  cualificou a lei como “propia dun país colonizado” baseada na enerxía, a extracción e  sector forestal e alertou das  posibles modificacións que o PP pretende introducir noutros textos lexislativos   para que a lei de implantación industrial  sexa utilizada polas empresas  como “cabalo de Troia para facer o que  que lles dea a gana” polo que preguntou ao Partido popular que digan se a nova  lei será o salvoconduto para “Elnosa, Ence ou para que  o Porto de Cabral sexa un centro comercial en vez dun monte comunal”.

A deputada recriminou ao PP non escoitar as demandas da oposición e dos sindicatos para buscar unha estratexia de país e  agora pretenden, dixo,  colarnos unha lei que é “un caixón de xastre” sen consenso nin  participación.

A parlamentaria ofreceu o dialogo que o PP negou ás forzas políticas e sindicatos polo que pediu a retirada da lei e iniciar un proceso porque nós,  “non lle compramos nin as formas nin o contido desta lei”.

Temos que saír das consecuencias da crise económica e da deslocalización das empresas e para iso temos dúas posibilidades, “impulsar un cambio no modelo produtivo con participación pública ou ben esta lei do PP que plasma o máis encarnizado neoliberalismo”.

A Lei de implantación empresarial inicia o trámite parlamentario coa toma en consideración grazas aos votos do grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG