Parlamento Galego

O BNG pide a retirada do proxecto do novo Estatuto de AGADIC

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil acusou a Cultura de poñer en perigo o futuro do Centro Dramático galego e o Centro Coreográfico con máis recortes e unha  reforma do Estatuto da Axencia Galega das Industrias culturais sen diálogo co sector

A portavoz de cultura do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe ao goberno a retirada do proxecto do novo Estatuto de AGADIC, anunciado polo conselleiro de Cultura no pasado pleno celebrado no Parlamento galego e avogou por abrir “un proceso de negociación co sector cultural” para garantir o futuro do Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico tras continuos recortes e vaivéns na xestión.

A parlamentaria afirmou que o Partido popular está a deseñar  as condicións idóneas para o  “desmantelamento definitivo” de ambos centros diminuíndo os seus recursos e autonomía e aumentando a externalización.  “Deixan o CDG abaneando, de 600 mil euros en 2019 pasan a só 350.000 e o  CCG peor, apenas 50 mil euros, un recorte de 100 mil euros”.

Para a deputada, a  falta de recursos só pode empeorar unha situación absolutamente precaria desde hai 10 anos. Cada vez, “menos producións con elencos máis pequenos, e menor distribución. Unha situación reiteradamente denunciada desde  o sector das artes escénicas e a danza”.

Por outra banda, salientou a perda  de autonomía e capacidade de decisión das  direccións dos centros,  “vacantes a día de hoxe, tanto no Centro Dramático, como no centro Coreográfico e no CGAI”.

O 20 de novembro  desde o  BNG, lembrou a deputada nacionalista, preguntamos ao conselleiro polos recortes orzamentarios e a falta de dirección nestes tres centros e respondeu anunciando “un novo Estatuto para a AGADIC”, do que por certo,  ninguén sabía nada, nin o Parlamento, nin  as asociación e entidades que representan as artes escénicas, o audiovisual, a música ou a danza.

Rodil explicou que dous días despois da pregunta do Bloque foi publicado na web de transparencia o proxecto de decreto de reforma e para “sorpresa e escándalo colectivo”,  o contido  que recolle o decreto é para “botarse a tremer”.  Crean unha figura de Coordinación Xeral e xerencia que fará de mando intermedio entre vostede e as direccións dos departamentos. Desaparece o Departamento de Produción Coreográfica e substitúeno por un de Música e Danza. As bandas de metal ao lado do ballet clásico. O departamento de Política Audiovisual absorbe o CGAI. Meten vostedes a Filmoteca nacional dentro dunha axencia creada para a promoción da industria. Pero o máis “escandaloso” está nas unidades de produción: O departamento de produción teatral no que se atopa o CDG e a persoa que asuma a coordinación, non poderá decidir, só terá a función de  propoñer o plan de programación e tamén as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas da produción de cada espectáculo. É dicir, xa “non poderá seleccionar e contratar elencos”

Esta situación repítese no Centro  Coreográfico cuxa dirección non poderá decidir  o plan de programación anual e a selección e contratación de artistas e compañías.

Para o BNG, recalcou Rodil, estas medidas son “contrarias ás demandas do sector e van na dirección oposta  da liña marcada pola Lei de creación da AGADIC. As novas directrices de Cultura representan  “o golpe de graza ao buque insignia, o teatro nacional deste país”. Polo que volveu a pedir a retirada do novo proxecto de Estatuto de AGADIC e iniciar un proceso de negociación cos axentes culturais implicados.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG