O BNG pide a PP e PSOE menos “partidismo cutre” con Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil: “É ofensivo o intercambio de papeis segundo quen se sente na Moncloa, pero na mesma película de discriminación que usa Galiza como pim-pam-pum”

Demanda un estatuto electrointensivo para garantir o futuro de centos de empregos en empresas como ALCOA

 

O BNG valora o “respiro” que a venda de ALCOA ao fondo suízo PARTER da aos traballadores e traballadoras, pero tendo en conta que é unha solución que non resolve o problema de fondo: a urxencia de ter un estatuto para as empresas electrointensivas “que poña fin ao escándalo de que un país que produce electricidade a esgalla teña miles de postos de traballo na picota polo prezo da enerxía”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

Pero en vez de poñer unha solución enriba da mesa, denuncia Rodil, PP e PSOE volven facer o de sempre, repetindo a habitual alternancia de papeis en función de quen goberne na Moncloa que fan as forzas estatais con Galiza, mantendo a discriminación e a utilización partidista.

“Temos ao PP e ao PSOE facendo o de sempre: pim-pam-pum con Galiza, o e ti máis, Galiza como arma arreboladiza, o uso do noso país para facer política cutre, curtopracista pero co mesmo pano de fondo, que non é outro que a discriminación de Galiza”, denunciou Rodil, neste caso a conta de ALCOA.

A viceportavoz parlamentaria do Bloque puxo o foco na cuestión de fondo, “que temos

miles de postos de traballo en risco por un marco eléctrico creado polo PP e seguimos esperando por un estatuto de electrointensivas que o PSOE prometeu antes dos procesos electorais e polo que aínda seguimos esperando”.

Por iso, o BNG reclama de PP e PSOE “menos política cutre cortopracista na que usan Galiza para as súas broncas partidarias e máis poñer sobre a mesa solucións concretas para que un país produtor de electricidade deixe de ter en risco postos de traballo polo prezo da enerxía. É ofensivo para as galegas e galegos ver este intercambio de papeis entre as forzas estatais en función de quen se sente na Moncloa,  cambio de papeis pero na mesma película que é a do agravio a Galiza”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG