O BNG pide un plan de xestión do xabaril e axudas ante os numerosos danos causados polos animais

Mini Rivas
Mini Rivas

Xosé Luís Rivas critica o gran número de batidas e advirte que “escopeta e o lazo” non son solución á grande poboación do xabaril

O portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Xosé Luís Rivas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de Xestión do xabaril e abrir unha liña de axudas polos danos ocasionados ante os numerosos  ataques da especie en diferentes  cultivos.

Rivas manifestou que cada día increméntanse as demandas de gandeiros, agricultores e habitantes do rural afectados polos ataques do porco bravo ante a “explosión demográfica da especie” que busca comida e refuxio. Hai 25 anos, explicou o nacionalista, o porco bravo en Galiza era “anecdótico” pero agora, cun monte abandonado, unha superficie monoforestal e cultivos forraxeiros  propician o refuxio idóneo e comida para  xabaril.

O deputado recalcou que a especie está adaptada e aumentando a súa poboación con  piaras  matriarcais e femias con menos dun ano e 30 quilos de peso que  procrean cinco individuos ao ano, circunstancia, ao seu entender, incrementada pola “presión cinexética”. Rivas denuncio que a administración utilice como único método para reducir a poboación do xabaril “as batidas” porque os datos confirman, segundo algúns zoólogos, que “as especies que soportan  maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución”.

NIN AXUDAS NIN TELÉFONO OPERATIVO PARA FORMULAR AS DEMANDAS

Desde o ano 2016, engadiu o deputado, “non existen axudas públicas” para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco “un teléfono operativo” na consellería para recoller as demandas das persoas afectadas. O dono dunha explotación cando chama a ese teléfono nunca acada unha resposta porque “non contesta”, afirmou o deputado.

O parlamentario tamén  anunciou que o BNG presentará unha batería de iniciativas para abrir unha liña de axudas suficientes e que a Xunta se comprometa a poñer ao dispor dos afectados e afectadas varios teléfonos para recoller as reclamacións e comprobar os danos.

PLAN DE XESTIÓN DO XABARIL E AXUDAS CONTRA OS ATAQUES

Por outra parte, dixo, é necesario un plan de Xestión do xabaril porque no 2014 a Xunta anunciou ese plan apoiado por un estudo da Universidade de Vigo pero, “descoñecemos se foi realizado e aplicado e con que grado de cumprimento”. O único que sabemos con certeza  é que o xabaril cando recibe batidas busca refuxio en zonas próximas  casas e vías de comunicación o que  incrementa os ataques cerca das casas  e accidentes de tráfico.

O plan de Xestión do xabaril  debe incluír estudos demográficos por comarcas e estratexias de actuación. Na actualidade a Xunta só autoriza batidas indiscriminadas cun gran número de animais mortos pero, a solución, reiterou  Rivas non é “a escopeta e o lazo”. Ao ano morren por batidas 15.000 animais e a poboación non decrece, ao contrario.

No ano 2016 a Xunta tamén anunciou un plan de actuación global por un importe de 1 millón 300 mil euros contra os danos de porco bravo incluídos accidentes de tráfico,  danos nos cultivos, información e formación, “nada sabemos deste plan nin a que se destinaron os cartos” porque o plan nin foi debatido nin publicado.

O parlamentario do BNG puxo o acento nas consecuencias das “batidas” sobre outras especies, mesmo en período de veda e insistiu en  que a “escopeta e o lazo” non son solución.

A vindeira semana anunciou Xosé Luís Rivas, varios concellos do Norte de Galiza manterán unha reunión coas asociacións de agricultores e gandeiros para reclamar á Xunta “que faga algo” porque o problema, concluíu, “é moi grave”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG