Imprimir

O BNG pide que Navantía Ferrol evite o monocultivo militar e aposte tamén pola construción civil

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 06 de febreiro de 2019

Iván Rivas e Ana Pontón
Iván Rivas e Ana Pontón

Ana Pontón reclama a Feixóo que defenda ao sector: “Que non veña de Miami con nova foguetería electoral como pasou con PEMEX”

Rivas denuncia a falta de apoio do concello ao naval de Ferrolterra, que contrapón co papel político do goberno local de Cádiz o seu estaleiro

O BNG defende un sector naval con futuro en Ferrol e comarca, e para iso propón que se aproveite todo o potencial dos estaleiros de Navantia sen limitarse á actividade militar, senón apostando tamén polo mercado civil e de reparacións.

“Queremos un sector naval con futuro que non sexa dependente da construción militar porque sería irresponsable renunciar a todo o potencial do sector”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “noutras palabras, defendemos un naval que tamén aposte pola construción civil, polo desenvolvemento tecnolóxico e pola I+D+i”.

Para sacar adiante esta aposta de país só fai falta “vontade política”, como en Cádiz, que a día de hoxe ten carga de traballo civil. “Se é posible en Cádiz tamén ten que ser posible en Ferrol, e non imos aceptar vetos encubertos á capacidade produtiva deste país”, recalcou a dirixente do Bloque, “pero para iso a Xunta ten que implicarse e gobernar”.

Entre outras cuestións, Pontón instou ao presidente da Xunta a cumprir a Lei de Fomento do naval en vigor desde hai nove anos que, entre outras cuestións, incluía a participación do Goberno galego no consello de administración de Navantia “para poder participar na toma de decisións nun sector estratéxico”.

De feito, Pontón denunciou que está en risco a posibilidade de que se constrúa un ferry por encargo do estaleiro Barreras, que pretendía derivar a Ferrol unha parte da súa carga de traballo: “Parece que se queren poñer problemas para conseguir máis carga de traballo”. A isto súmase que tras o publicitado contrato das F-110, o inicio efectivo da construción se aprace ao 2021 e só cunha fragata. “Fainos temer que a carga de traballo sexa moi inferior a que se anunciou”, advirte.

A líder do Bloque denunciou o incumprimento sistematico con Ferrol, “como o famoso centro de reparacións prometido por Feixóo fai case unha década e do que nada se soubo”, síntoma do “desleixo” do Executivo do PP “que non quere aproveitar o potencial da construción naval en Galiza”.

“O que non é de recibo e que, de novo ás portas dun proceso electoral, veñan vendernos moito fume que veremos en que queda”, indicou en relación ás F-110, tras lembrar anteriores anuncios en véspera de citas coas urnas que quedaron en nada.

“Feixóo vendeunos o suposto contrato con PEMEX como a salvación do sector naval galego pero que quedou reducido á mínima expresión,e esperamos que agora que está de novo nas Américas non nos volva traer de Miami un novo  contrato que acabe sendo foguetería electoral”, ironizou.

Pontón avanzou que o BNG vai levar ao Parlamento unha batería de iniciativas a favor do sector naval de Ferrolterra, como a creación dun centro tecnolóxico do sector naval,  “capaz de establecer sinerxías entre empresas, administración e universidade”, e reclamar o cumprimento da Lei de fomento do naval.

Tomadura de pelo

Pola súa parte o portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Iván Rivas, cualificou de “tomadura de pelo” o plan estratéxico de Navantía porque suporá unha menor actividade. Rivas dixo “sentir vergoña allea” polo papel xogado por responsables políticos das forzas estatais aplaudindo un plan que implicará un 25% de despedimentos e o incremento das subcontratacións.

Lonxe de potenciar o sector naval de Ferrolterra, “a pretensión é converter Navantia nunha mera marca”, denunciou, “xogan con esta cidade embaucando con ideas como a do estaleiro 4.0 e presentando un plan que consiste en botar traballadores á rúa”.

O portavoz municipal advertiu que o obxectivo é “desmantelar o principal sector produtivo da cidade”, a diferencia do que se está a facer noutras partes do Estado. Neste sentido, parabenizou ao sector naval gaditano “por ter do seu lado ao seu alcalde e ao goberno local”, nas antípodas do que sucede en Ferrol onde prima “a submisión dos responsables políticos das forzas estatais” ante unha nova reestruturación do naval.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-navantia-ferrol-evite-monocultivo-militar-aposte-tamen-pola-construcion-civil/20190206165717023690.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr