O BNG pide homologar os certificados de invalidez d@s emigrantes retornad@s recoñecidos noutros países

Concentración de emigrantes retornados 1
Concentración de emigrantes retornados 1

Noa Presas criticou o “desinterese da Xunta e o PP no  Estado”  que obriga, despois de cinco anos, a que o colectivo sega nas rúas denunciando a persecución de Facenda por unhas pensións que xa contribuíron ou estaban exentas no país pagador

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe unha proposición non de lei para regularizar a tributación das persoas emigrantes retornados e homologar os certificados de invalidez recoñecidos noutros países.

A nacionalista insistiu  na necesidade de establecer,  “este mesmo ano” os criterios  de  “homologación e recoñecemento de oficio dos certificados de invalidez recoñecidos nos países de procedencia de forma que se evite a discriminación na exención na tributación destas pensións, as listas de agarda no recoñecemento administrativo e a obriga ao recurso xudicial”.

O debate da proposta nacionalista coincidiu coa concentración dun gran número de persoas retornadas nas inmediacións do Parlamento galego baixo o lema “non somos defraudadores”.

Para a deputada,  cinco anos de loita constatan dúas evidencias: A dignidade de todas esas persoas. Emigrantes que nos últimos anos da súa vida, deberan estar desfrutando despois de anos duros de traballo. Persoas que foran expulsadas do país, pola miseria do franquismo e do posfranquismo, pola falta dun futuro digno na nosa terra,  que marcharon lonxe en moitos casos da súa familia, da súa terra, da súa comunidade e que agora, por fin poderían estar descansando pero en vez  diso, “foron e seguen sendo  perseguidos e perseguidas como se foran criminais e corruptos”.

A segunda lección, dixo, é máis agrea  pola  “absoluta desidia”  do Partido popular na Xunta e no Estado. “O PP foi cómplice” e causa e consecuencia do que están a pasar estas persoas, recalcou.

Desde 2012, durante o goberno do señor M. Raxoi, a Axencia Tributaria comezou a remitir a milleiros de emigrantes galegos retornados cartas nas que exixía pagamentos retroactivos, seguidas de multas no medio dunha voráxine de confusión e instrucións xa que mesmo nas propias oficinas da Axencia estatal as instrucións tiñan sido contraditorias.

Concentración de emigrantes retornados 2Así comezou un longo proceso que, en opinión da nacionalista “encubría unha estratexia para recadar suculentas cantidades de miles de euros ao mesmo tempo que o Partido Popular aplicaba recortes sociais e nas pensións”.

A persecución ás persoas emigrantes retornadas afectan a máis de 250.000 galegos e galegas. O Estado español aplicou un trato fiscal discriminatorio, por razón de orixe das pensións e a Axencia tributaria dedicouse a perseguir ao colectivo por percibir pensións de orixe comunitario, obrigando a tributar no Estado cando no país pagador estaban exentas e xa cumpriran coas súas obrigas fiscais.

Ao mesmo  tempo que os perseguían, engadiu Presas,  tiña lugar a “Amnistía fiscal chapuza do Partido Popular”, a Amnistía da vergoña no 2012. “En lugar de perseguir aos grandes defraudadores”. Esa Amnistía fiscal do Sr. Montoro tivo como resultado que os defraudadores aos que perdoou o PP, “legalizaran  40.000 millóns mentres facenda recadou menos de 2.000 M€.”

Este colectivo continúa a pé de rúa para demandar ao goberno español: cumprir os convenios bilaterais cos Estados membros, eliminar os expedientes abertos e impulsar cambios normativos para  o status das pensións independentemente da súa orixe no marco do estado español ou no marco estranxeiro.

Finalmente, a nacionalista  reclamou “frear a nova vaga de multas e requirimentos” e devolver de oficio “os cobros indebidos”.

A proposición non de lei defendida pola deputada  Noa Presas foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG