O BNG pide que Fomento non pague as bonificacións a AUDASA até que non solucione os atascos de Rande

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará solicita que se valoren os importes da gratuidade da peaxe no Morrazo e das bonificacións aos traxectos entre Pontevedra e Vigo

O BNG pídelle ao Ministerio de Fomento que deixe de abonar a AUDASA os importes correspondentes á gratuidade da peaxe para as persoas usuarias que cruzan a Ponte de Rande desde o Morrazo e as correspondentes ás bonificacións para os traxectos entre Vigo e Pontevedra ou entre Pontevedra e Vigo e viceversa, mentres a concesionaria da AP9 non solucione as retencións quilométricas que cada día soportan as 50.000 persoas usuarias que teñen que pasar pola ponte en obras.

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, pide que se realice un estudo para calcular cales son os importes que corresponden, e restar esas cantidade do que Fomento abona a AUDASA por peaxes na sombra e bonificacións, “posto que non está a dar un servizo de autoestrada”. 

Neste sentido, explica o deputado, os e as usuarias do Morrazo “teñen que usar un carril de servizo e polo tanto non están recibindo un servizo de autoestrada, e o mesmo pasa coas persoas usuarias entre Pontevedra e Vigo e entre Vigo e Pontevedra, soportando retencións e atascos a diario”.

O BNG valora positivamente a iniciativa da Fiscalía de Pontevedra de abrir unha investigación a respecto da posibilidade de pedir responsabilidades e compensacións a AUDASA, “confiamos que non sexa unha cortina de fume”, salienta Bará, quen tamén reclamou a apertura dun expediente sancionador á concesionaria polo mal servizo que presta nese tramo da AP9, ao tempo que volve pedir que se aprobe un protocolo para que se abran as barreiras das peaxes cando as colas superen o quilómetro.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG