Imprimir

O BNG pide á Consellería de Sanidade que reactive a atención presencial e acabe coas listas de espera en Primaria

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 22 de setembro de 2020

Montse Prado
Montse Prado
Prado alerta da saturación e da perda de calidade na atención ás persoas doentes

No actual momento da pandemia a atención primaria é clave para garantir a atención sanitaria pero a porta de entrada ao sistema arrastra unha década de recortes e hoxe ten 142 millóns de euros menos que fai once anos e menos persoal, de tal xeito que só a entrega dos e das profesionais sanitarias permite que primaria faga un traballo moi importante no tratamento e seguimento das persoas contaxiadas pola COVID19.

E non só a costa do persoal senón tamén das persoas doentes que a día de hoxe teñen como misión imposible poder recibir atención personaliza e presencial do seu medico de cabeceira, despois de que o SERGAS decidiu que a atención se prestase case exclusivamente a través de consultas telefónicas.

“Á situación de sobrecarga de traballo que padecían as e os profesionais da atención primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación por coronavirus, funcións de rastrexo”, salientou a portavoz de sanidade, Montse Prado, na súa interpelación ao conselleiro de Sanidade.

Unha sobrecarga derivada da atención telefónica e da carga burocrática, que se traduce en teléfonos colapsados, persoal administrativo e celadorxs ao límite, soportando unha presión enorme na xestión das citas. “En menos de dúas horas 50 chamadas”, subliñou Prado, o que está derivando nunha situación que prexudica tanto ao persoal sanitario como ás persoas doentes.

“As consecuencias son desastrosas: escasísimos profesionais que están ao límite, listas de espera de semanas para consultas, analíticas e incluso para a atención telefónica, persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros. Doentes crónicos descompensados, desde persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras”, son algunhas das graves consecuencias citadas por Prado.

“Esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada diante da falta de resposta da pública, ao que se suma a desprotección da poboación con menos recursos que tamén se produce coa reconversión da asistencia presencial en telefónica ou telemática nas franxas de maior idade, menor formación e de menos recursos para o acceso e manexo das novas tecnoloxías”.

A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación. “Esta situación pode levarnos a un  problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía, -alerta a deputada-, polo que reclama á Xunta accións inmediatas para activar a atención presencial e rematar coas listas de espera en atención primaria, que precisa de máis medios económicos e humanos”.

Ademais de pedir que se restitúa a atención presencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios propios dunha atención digna, Prado concluíu a interpelación con propostas: activar protocolos claros e unificados para a atención sanitaria, aumentar o número de profesionais con contratos dignos e aumentar o orzamento destinado a primaria no inmediato 200 millóns de euros.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-conselleria-sanidade-reactive-atencion-presencial-acabe-coas-listas-espera-primaria/20200922203242028107.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr