O BNG pide a comparecencia de Almuíña e un cribado masivo na Coruña e área de influencia ante a evolución da COVID19

FOTO MONTSE PRADO 1
FOTO MONTSE PRADO 1

Prado pregúntase onde están os rastreadores esenciais nesta etapa da pandemia e reprocha a ausencia de Feixóo con 42 concellos con gromos

Critica a opacidade da Xunta e reclama o informe da USC sobre as augas residuais que avanzaba niveis de contaxio moi altos desde fai días

Unha corentena de concellos con gromos  por todo o país, unha curva ascendente na Coruña que concentra o 60% dos casos de contaxio en activo en toda Galiza e a opacidade no manexo de datos, -en particular na cifra de rastreadores que son claves nesta etapa da pandemia-, son cuestións que activan todas as alarmas e que requiren de explicacións por parte do Goberno galego, polo que o BNG considera urxente que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza de inmediato na Cámara para explicar como esta a situación, tendo en conta, ademais, que en pouco máis de dúas semanas arranca o curso escolar.

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, fixo esta solicitude en rolda de prensa tras advertir da “gravidade” da situación “na que o virus parece que tomou a dianteira” en particular na Coruña, “polo que desde o BNG se pide a realización masiva de test nesta cidade e na súa área de influencia” ao tempo que solicita que se faga público o estudo das augas residuais elaborado pola Universidade da Coruña porque, segundo a información que se lle traslada ao Bloque fontes coñecedoras da investigación, o estudo apunta a que hai un número de contaxios moi elevado.

“Esa información é moi relevante porque aporta datos da evolución da carga vírica mesmo entre persoas asintomáticas e por áreas até con quince días de anticipación, un tempo de gran valor para poder tomar medidas que eviten a expansión do virus e novos contaxios”, indicou Prado, de aí a petición de difusión dun estudo que xa é coñecido pola Xunta. “A pregunta é se desde o Goberno galego se tomaron as medidas necesarias en relación aos datos que arroxa esa investigación”, interpelou a deputada.

Neste sentido, o Bloque denuncia “a opacidade e a falta de transparencia” coa que está actuando o Executivo de Feixóo, - de aí a solicitude de comparecencia-, que impide coñecer datos básicos como o número de persoas contaxiadas a diario, que tipo de test e cantos se están realizando cada día, o acumulado histórico, datos por concellos, se o gromos están localizados e se fai seguimento e tamén hai que aclarar se neste momento hai transmisión comunitaria.

Un dato que a formación nacionalista considera clave é o número de rastreadores existentes a día de hoxe, quen está facendo o rastrexo, con que formación técnica e profesional, se se leva a cabo por unha empresa privada ou desde a sanidade pública.  “Son datos fundamentais pero é unha información que a Xunta oculta”, denuncia Prado, “porque desde logo no BNG non damos por válida a cifra de 6.000 que pretende darlle categoría de rastreador a todo o persoal de atención primaria, por contra preguntámonos quen está facendo ese labor que é fundamental para parar a cadea de contaxios”.

Tamén falta un plan de continxencia, pese a que o curso escolar está á volta da esquina, e tampouco se sabe se o Goberno do PP resolveu problemas estruturais detectadas nas anteriores fases da pandemia en aras dunha mellor protección da poboación. Preguntada pola posición do Bloque ante a posibilidade de adoptar medidas que limiten a mobilidade na Coruña e área metropolitana, Prado destacou que “deben adoptarse todas as medidas que sexan necesarias para garantir a saúde pública e, para iso, ter un bo sistema de rastrexo que permita detectar contaxios e anticiparse é clave”.

Comisión de investigación nas residencias

Por iso, a deputada nacionalista criticou “a ausencia de semanas de Feixóo que hoxe posiblemente anuncie medidas que terían que ter sido adoptadas con antelación”.

Prado reiterou que unha das primeiras iniciativas parlamentarias do BNG en relación á COVID19 será propoñer a creación dunha comisión de investigación para que analice o que pasou nas residencias de maiores, “para detectar fallos e corrixilos”, -indicou-, ademais de salientar a urxencia de mudar o actual modelo privatizado impulsado polo PP, -con consecuencias dramáticas pois soportou o 45% das mortes na pandemia-,  para ir a un modelo público no que se garanta o dereito a unha vellez digna.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG